Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno da corporación aproba unha moción conxunta para convocar un concurso de ideas no barrio da Banda do Río

  • Tamén se acordaron por unanimidade outras propostas como a de apoio á Plataforma de Afectados polos impagos do sector naval, a de Vía Galega polo drama da emigración e a do Día Internacional das Mulleres

A corporación local de Bueu celebrou este luns, 2 de marzo, a sesión plenaria ordinaria na que os catro grupos políticos (BNG, ACB, PP e PSOE) mostraron o seu apoio conxunto a diversas mocións. Así, tras moitos meses de traballo, onte deuse luz verde á proposta para convocar un concurso de ideas de cara a mellorar a imaxe dun dos barrios con máis personalidade da vila: o da Banda do Río. Segundo apuntou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “nas bases do concurso vanse ter en conta todas as sensibilidades veciñais e sociais, tal e como seu veu facendo nas diversas mesas de seguemento, nas que estivemos presentes tanto os voceiros da corporación local como a plataforma e a asociación veciñal”. Na mesma liña se manifestou Elena Estévez, voceira do PP, quen agradeceu aos veciños e veciñas a “capacidade de consenso”. Antes da aprobación por unanimidade, o alcalde, Félix Juncal, apuntou que “isto supón o pistoletazo de saída de cara a un proceso fermoso de deseño do barrio no futuro”.

A corporación mostrou o seu apoio á Plataforma de Afectados polos impagos do sector naval, un colectivo de empresas da comarca que se viron afectadas por débedas que ascenden a unha cifra superior aos 5.690.000 euros. Tres persoas do colectivo asistiron ao pleno deste luns e mostraron o seu agradecemento a toda a corporación por ter apoiado esta moción que tamén se aprobou noutros concellos como Vilaboa, Moaña ou Cangas.

A moción presentada por Vía Galega sobre o que supón o drama da emigración para o pobo galego tamén foi secundada polos catro grupos políticos con representación. Esta proposta acorda, entre outras, dirixirse ao Parlamento de Galiza para que tome en consideración a emigración e conciba este problema como unha emerxencia nacional. De feito, na proposta faise constar que no decenio 2008-2018 emigraron de Bueu un total de 839 veciños e veciñas.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional das Mulleres, os grupos que conforman o goberno, BNG e ACB, presentaron unha moción ao pleno para reivindicar a necesidade de visibilizar os traballos relacionados cos coidados, que ao longo da historia viñeron desempeñando maioritariamente as mulleres. A proposta contou con todos os votos a favor dos e das membros da corporación.

Público asistente ao pleno do 2 de marzo

No que non houbo consenso político foi na proposta presentada polo voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, para instar á compra da que fora a vivenda da mestra Matilde Bares Giráldez, sita na rúa Eduardo Vincenti. Segundo apuntaba a moción, “esta vivenda non só ten valor arquitectónico, senón máis ben sentimental” ao ser o espazo no que a mestra exerceu a súa vida persoal e profesional. Vilas propoñía destinar este solar a un espazo para a xuventude. Durante a súa intervención, o edil de urbanismo, Martín Villanueva, mostrou a “non oportunidade” desta compra, toda vez que esta vivenda non se incluíu no PXOM como ben a preservar, ademais de que o Concello xa dispón doutros solares que se poderían construír para usos dotacionais”. Pola súa banda, Julio Villanueva, voceiro de ACB e edil de facenda, mostrouse contrario a esta adquisición xa que “suporía hipotecar o futuro económico de Bueu”. A moción contou cos votos a favor de PP e PSOE, e en contra de BNG e ACB, e ante o empate técnico, co voto de calidade do alcalde non saíu adiante.

Renuncia da concelleira Tamara Sotelo

O pleno de onte foi o último de Tamara Sotelo, a concelleira da área de medio ambiente nestes meses. Na súa marcha, o alcalde quixo mostra o agradecemento pola súa especial dedicación ao cargo dunha área tan importante de cara ao futuro. Pola súa banda, a ex edil do BNG declarou que “neste tempo tentei dar o mellor de min e deséxovos que fagades sempre o mellor para a vila”.

No seu lugar entrará Agustín Gallego que tomará posesión do cargo nun próximo pleno. Coa súa entrada o goberno local terá que reorganizar as diversas concellarías.