O Nadal Sostible do Concello ilusionou e concienciou á cativada e ás persoas adultas coas novidades deste ano
As iniciativas máis exitosas foron as visitas do Apalpador, Papa Noel e os Reis Magos xunto á música, as festas de fin de ano e o campus deportivo
A programación lúdica que deseñou o goberno local para as datas de Nadal obtivo un grande éxito de participación, valorando moi positivamente desde os departamentos de Cultura e Deportes as novas iniciativas que se puxeron en marcha neste ano baixo o paraugas do desenvolvemento sostíbel. Tanto as badaladas infantís como a verbena de fin de ano foron dos eventos máis multitudinarios xunto á cabalgata dos Reis Magos, unhas citas novidosas nos dous primeiros casos e que no caso da chegada das maxestades de Oriente tivo a súa segunda edición nun formato que puxo en valor as embarcacións tradicionais. No eido deportivo tamén contou con moita participación o campus multideporte que desde o departamento que dirixe Ricar Verde puxeron en marcha por primeira vez e que contou cunha media de vinte e cinco rapaces e rapazas durante oito días e que, ademais de buscar hábitos saúdables para estas datas, serviu para que as familias tivesen a posibilidade de conciliar traballo e ocio nas vacacións escolares.
Desde o goberno local queren destacar a participación tanto dos colectivos que colaboraron coas súas actividades no programa festivo, como de empresas, caso de Autobuses Cerqueiro que cederon as súas instalacións para montar as carrozas. Referiuse de xeito especial Xosé Leal ás Anpas dos centros educativos de Beluso, Cela e do Virxe Milagrosa, que estiveron moi activas tanto nas badaladas infantís de fin de ano, nas que xuntaron a preto de 200 participantes, como na cabalgata dos Reis que no seu percorrido nas embarcacións tradicionais de Os Galos -nas que tamén chegaron a porto-fixeron as delicias das máis de 2.000 persoas. O concelleiro de Cultura, Ensino e Patrimonio destacou con respecto a esta cita que xunta a tradición do Nadal coa posta en valor do patrimonio, “que queremos seguir potenciando nos vindeiros anos, incrementando tanto a animación musical que este ano foi xa moi intensa, como sobre todo facendo que o percorrido en rúas como Castelao sexa máis vistoso restrinxindo o aparcamento de vehículos durante o evento”. As citas co Apalpador e con Papa Noel tamén tiveron unha grande acollida para o concelleiro nacionalista, que destacou que a tradición estivo presente nos doces típicos elaborados na Praza de Abastos e nos cantos de taberna que tiveron lugar por diversos locais de hostaleria. Neste último caso Leal salientou que esta iniciativa que serviu para potenciar ao comercio local é reclamada por moitos locais para que se leve a cabo noutras épocas do ano.
O goberno local tamén buscou descentralizar as actividades, unha cuestión que funcionou moi ben en lugares como a Banda do Río e Ramal dos Galos mais que non tivo tanto éxito nas parroquias de Beluso e Cela, algo que para Leal vai significar “un maior esforzo á hora de promocionar estas citas fóra do casco urbano bueués”. Os obxectivos de desenvolvemento sostíbel seguiranse a potenciar de xeito transversal nas diferentes concellerías do goberno durante este ano 2020.