Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello renovará as rutas de sendeirismo e creará un circuíto de orientación en Ermelo

  • A concellaría de turismo, dirixida por Silvia Carballo, vén de solicitar unha subvención á Xunta de Galicia cun proxecto valorado en preto de 45.000 euros
  • O obxectivo é mellorar os accesos ás rutas para contribuír á desestacionalización do turismo

O Concello de Bueu vén de solicitar á Consellería de Cultura e Turismo unha subvención coa que se pretende acometer a renovación das rutas de sendeirismo e crear un circuíto de orientación en Ermelo, un proxecto que ascende a preto de 45.000 euros. Segundo salienta a concelleira de turismo, Silvia Carballo, a idea é mellorar as rutas xa existentes para configurar unha Rede Municipal de Sendeirismo que percorra os lugares máis significativos do termo municipal e que sirvan como atractivo turístico.

A proposta incluirá seis rutas: a dos Abades, Beluso, Cela, Ermelo, a dos Muíños e a dos Pazos. O obxectivo é combinar itinerarios de zonas céntricas, parroquias, áreas costeiras e montes, ao tempo que se recuperan e revitalizan os camiños tradicionais. Para a elaboración deste proxecto tivéronse en conte dúas premisas fundamentais: a seguridade, porque discorren por camiños, sendeiros e corredoiras ou por estradas de pouco tráfico; e educación, porque se trata dunha forma de conservar os camiños tradicionais, recuperar a cultura popular e os valores dos elementos como os muíños de auga, cruceiros, hórreos… As obras, cuxo período de execución se estima en catro meses, incluirían a preparación do terreo mediante limpeza e retirada de maleza, e a colocación de paneis informativos e balizas.

Complementario a estas rutas, no proxecto tamén se propón un circuíto de orientación en Ermelo, unha zona na que xa se celebraron probas deste estilo, e que sería a primeira da provincia con estas características. Así, propóñense ata seis itinerarios diferentes, con lonxitudes que abarcan dende os dous ata os cinco quilómetros de lonxitude, e con tres niveis diferentes. Nas rutas non existiría un trazado definido, senón que son as persoas participantes as que elixen por onde ir para localizar cada unha das balizas que forman parte do seu percorrido, e será necesario empregar unha aplicación móbil, tanto en formato IOS como Android, que rexistre o paso por cada un dos puntos onde haberá un código QR.