O X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares fallarase ao longo do mes de febreiro

  • O concurso iniciouse no 2005 coma unha homenaxe á mestra Matilde Bares e para reflexionar sobre a igualdade e a violencia de xénero
  • A esta edición concorren un total de sete traballos, e a persoa gañadora farase cun premio de 1.500 euros e a publicación do libro

Tras o remate do prazo de presentación de orixinais, o Centro de Información ás Mulleres de Bueu recibiu un total de sete traballos que concorren ao X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. Este premio pretende fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade, tal e como salienta a edil da área, Ana Isabel Otero.

Estes traballos serán valorados nas vindeiras semanas por un xurado que valorará aspectos como a orixinalidade no tratamento do tema, a reinterpretación dos roles sexistas e os estereotipos que afectan á imaxe da muller nas diversas manifestacións artísticas, os micromachismos ou a igualdade laboral; e a persoa gañadora, que se dará a coñecer ao longo do mes de febreiro, farase cun premio de 1500 € e a publicación do libro.

O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces. Na pasada edición resultou premiada a viguesa María López Correa, co seu relato As fillas da Manola, no que realza a importancia da creación dunha rede de apoio entre mulleres.

Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

Este non é único certame de creación literaria en lingua galega, senón que o Concello de Bueu leva máis de dúas décadas impulsando o Premio Johán Carballeira de Poesía, ao que se uniu anos despois o Johán Carballeira de Xornalismo. As persoas que desexen participar neste concurso poderán entregar os traballos antes do 31 de xaneiro. Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.

As bases poden consultarse na web www.concellodebueu.gal.