O Morrazo mobílizase polo Autismo con diversas accións
- A concelleira de educación de Bueu, Teresa López, estivo presente no acto de colocación de pictogramas desta mañá
Este luns, 2 de abril, celebrouse o Día Mundial do Autismo, e por iso todos os Concellos do Morrazo colaboran nos diversos actos organizados por toda a comarca ao longo desta semana. De feito, a concelleira de educación de Bueu, Teresa López, e o homólogo cangués, Xoán Chillón percorreron hoxe os diversos establecementos adheridos a FECIMO para pegar símbolos pictográficos identificativos do Autismo, baseándose nun traballo realizado polo alumnado do colexio da Sagrada Familia de Cangas, coas profesoras María González e Cristina García a cargo, quen tamén estiveron no acto.
Os colexios tamén serán protagonistas desta celebración, e por iso este venres, durante o primeiro recreo soltaranse globos azuis e lerase un manifesto, e ese día pola tarde o salón de plenos de Cangas acolle ás 18.00 horas a charla “Achegándonos ao TEA – Trastorno Espectro Autista”, a cargo de Yolanda Heras, directora do Centro de Educación BATA.
Os actos centrais nos concellos, organizados pola Asociación Autismo Morrazo, terán lugar durante a fin de semana. O 7 de abril pola mañá, a partir das 12.00 horas, na Praza da Constitución de Cangas celebrarase unha clase aberta de danza oriental con velo a cargo de Margarita Outeiral. E pola tarde, ás 18.00 horas, darase lectura a un manifesto, seguido dunha exhibición do alumnado de Swing On na Praza Massó de Bueu.
O domingo, 8 de abril, o Pavillón moañés de Reibón acollerá unha masterclass coa colaboración de Zumba Fitness, durante o que tamén se recollerán alimentos non perecedoiros para destinar a Cáritas da vila.