Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu activa unha aplicación turística para esta Semana Santa

  • Esta ferramenta foi elaborada polo alumnado do IES Johán Carballeira no marco dun proxecto interdisciplinar

O Concello de Bueu, a través da Oficina de Turismo, activará este xoves a aplicación turística elaborada polo alumnado do IES Johán Carballeira, que estará operativa ata a media noite do domingo. Así o salienta a edil de turismo, Silvia Carballo, quen agradece ao centro a realización desta ferramenta que servirá para dar a coñecer os recunchos de Bueu a todos os visitantes e á propia veciñanza.

A aplicación, que se estrea esta Semana Santa, “naceu da curiosidade polo que significan os nomes das rúas”, e foi elaborada pola empresa Cleventy cos datos achegados polo alumnado do centro e o profesorado implicado no marco do proxecto interdisciplinar Entre rúas.

A ferramenta recolle dúas rutas, unha biográfica e outra matemática, coas que as persoas deberán ir paseando pola vila para resolver as cuestións plantexadas e conseguir puntos, nunha especie de busca do tesouro, segundo os impulsores deste proxecto. Para participar, as persoas interesadas deberán dirixirse á Oficina de Turismo, sita na Sala Amalia Domínguez Búa, en horario de 10.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

A partir de agora, as incógnitas como quen era Matilde Bares e que relación tiña con Ramón Bares, ou que significa a palabra Kayrel quedarán resoltas e permitirán á cidadanía e aos turistas indagar na historia e no coñecemento do pasado e presente da vila morracense.