Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O IV Cross Cabo Udra celébrase o 16 de xuño e inclúe carreiras e andaina

Presentación IV Cross Cabo Udra

  • As inscricións están abertas ata o 12 de xuño na web www.championchipnorte.com
  • A carreira consta de varias categorías e unha absoluta de dez quilómetros, e están programadas diversas actividades paralelas para toda a familia

Natureza, deporte e lecer confluirán o vindeiro 16 de xuño no IV Cross de Cabo Udra, organizado nesta edición pola Agrupación Deportiva de Fútbol Sala Bueu, o CEIP Montemogos, o Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu. “Buscaremos que todas as persoas estean representadas, desde os máis pequenos ata os maiores”, declarou Marcos Torres, coordinador da proba, na rolda de prensa celebrada este venres no Concello de Bueu.

Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “para nós supón un estímulo continuar traballando día a día polo deporte”. Idea que tamén recolleu Manolo Otero, concelleiro de deportes, quen aproveitou para destacar que “este evento engloba a unión perfecta entre a integración, a natureza, o deporte e o aproveitamento sostible dos recursos”.

A organización ofrecerá, como en anos anteriores, a oportunidade de que os máis cativos e cativas sexan protagonistas, a través das diversas categorías: os pitufos de 3 anos (nados en 2015) percorrerán 100 m, os de 4 anos (nados en 2014), 150 m, os de 5 anos (nados en 2013), 200 m, os minibenxamíns (nados entre 2011-2012), 250 m, os benxamíns (nados entre 2009 e 2010), 450 m, os alevíns (nados entre 2007-2008), 900 m, e os infantís (nados entre 2005-2006), 1.350 m. Ademais, terá lugar a carreira absoluta de 10 quilómetros, unha popular de 4 quilómetros, e unha andaina aberta non competitiva (esta última con saída ás 9.45 horas).

Ademais do deporte, esta xornada destaca a convivencia familiar, o que se reflicte nas actividades paralelas que terán lugar neste espazo, entre as que destacan un parque infantil para a rapazada, un rocódromo inchable, xogos populares da man da Asociación Juan XXIII de Cangas, unha proba de orientación, unha exhibición de zumba e dous talleres de confección de chapas e graffitis.

O Cross Cabo Udra nace coa clara intención de darlle continuidade e recuperar o Cross de Beluso, unha proba considerada coma un dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que tivo que deixar de celebrarse no 2003.

Outra das finalidades é a inclusión de todas as persoas, de aí a colaboración por terceiro ano consecutivo da Asociación Juan XXIII, cuxos usuarios e usuarias se encargarán de elaborar os trofeos de todas as categorías, ademais de coordinar os xogos populares e de participar nalgunhas probas. A directora do colectivo, Teresa Lagos, mostrouse agradecida “porque cada vez se fomente máis a inclusión de todas as persoas”.

As inscricións están abertas na web www.championchipnorte.com ata o 12 de xuño ás 23.30 h. O custe de participación será de 8 € no caso das carreiras absoluta e popular, 5 € na andaina, e gratuíta no resto das categorías inferiores.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes Vanesa Carballo, directora do CEIP Montemogos, Ricardo Verde, presidente do Club de Atletismo Corredoiras, Fran Soliño, responsable do Taller Ocupacional da Asociación Juan XXIII, e David Riveiro e Diego González, ambos traballadores do taller de manipulados.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes Vanesa Carballo, directora do CEIP Montemogos, Ricardo Verde, presidente do Club de Atletismo Corredoiras, Fran Soliño, responsable do Taller Ocupacional da Asociación Juan XXIII, e David Riveiro e Diego González, ambos traballadores do taller de manipulados.

Toda a información sobre a proba pode atoparse nas seguintes ligazóns:

https://championchipnorte.com/evento/detalle/id/1751/iv-cross-popular–cabo-udra