Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno municipal aprobou no pleno a RPT e unha moción contra os recortes no ensino da Xunta de Galicia

  • Por unanimidade saíron adiante dúas adxudicacións: a do contrato do servizo de axuda no fogar e o do servizo de colaboración na xestión tributaria

O Centro Social do Mar acolleu este venres, 30 de xullo, unha sesión plenaria extraordinaria na que se abordaron, entre outros, dous temas de gran relevancia municipal: a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT) e unha moción do grupo de goberno (BNG e ACB) contra os recortes da Xunta de Galicia no ensino público de Bueu.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, interviu para defender a aprobación inicial da RPT, que chega “tras un longo proceso de negociación colectiva que comezou no 2014”, e que supón un “acto de xustiza e de equidade” ao poñer fin á precariedade laboral e mellorar a xestión dos recursos humanos no Concello. Na mesma liña interviu Julio Villanueva, vicealcalde e voceiro de ACB, quen fixo fincapé en que “o obxectivo é ser máis solidarios e que cada traballador ou traballadora municipal perciba o salario que lle corresponde, eliminando a precariedade”. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, aludiu á existencia de informes negativos dos técnicos municipais, que fan que a proposta non conte con garantías xurídicas. Con todo, e tal e como destacou o rexedor, o expediente conta co informe favorable dunha consultora externa especializada na redación de RPT noutros moitos concellos “o que confirma a súa legalidade”. Esta proposta foi aprobada inicialmente cos votos a favor de BNG e ACB, e abstención do PP (o PSOE non asistiu á sesión). Agora remitirase o anuncio ao Boletín Oficial da Provincia, e tras a súa publicación abrirase un prazo de vinte días de alegacións para despois proceder á aprobación definitiva.

A moción sobre os recortes no ensino público centrou a outra parte do debate do pleno, e finalmente saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, BNG e ACB, e en contra to PP. Nela acordouse instar á Consellería de Educación a que dea marcha atrás nos recortes en profesorado dos centros de ensino público de Bueu, Beluso e Cela, así como que dote orzamentariamente as necesidades de profesorado nos centros educativos para cubrir as demandas do alumnado, e apoiar á comunidade educativa dos tres centros en todas as accións que leven a cabo para denunciar os recortes.

Esta proposta nace tras os recortes da Xunta de Galicia que levan denunciando nas últimas semanas os Consellos Escolares e a través das diferentes mobilizacións das familias asociadas nas Anpas e o propio profesorado nos sindicatos. A moción pon o foco no esquecemento de cuestións como “a atención á diversidade e á vulnerabilidade, a orientación ou o plurilingüismo”, que fai que se deteriore a calidade educativa e se prexudique a moitas familias da vila. A iso hai que engadir o desmantelamento da ensinanza pública e de calidade que se está a dar na comarca e en toda Galiza. “Prodúcese un ataque a todos os centros que se une á falta de actuacións integrais nuns edificios que contan con case 50 anos de historia”, apuntan. A proposta foi aprobada polo goberno municipal, e contou cos votos en contra dos e das edís do PP.

Por último, o pleno aprobou por unanimidade as adxudicacións de dous procedementos de contratación: o contrato do servizo de axuda no fogar e o do servizo de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadatoria e na xestión dos expedientes sancionadores en materia de tráfico.