Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O filme ‘Ons’ de Alfonso Zarauza anuncia en Bueu o inicio da rodaxe

  • No acto, celebrado este luns no Estaleiro da Banda do Río, estiveron presentes representantes das institucións que apoian o proxecto e parte do equipo técnico e actoral
  • O director salientou que a trama “é de misterio, cun verniz autoral, e que trata do amor desde a propia necesidade, todo en estreita combinación co espazo paradisíaco da Illa de Ons”

O Estaleiro da Banda do Río de Bueu foi o escenario elixido para a presentación da rodaxe da película Ons, de Alfonso Zarauza, que nas próximas semanas se gravará na Illa de Ons. Precisamente, o director galego salientou que “esta quinta longametraxe supón o proxecto máis complexo e apaixonante da miña carreira como cineasta”, sobre todo porque sae nun momento de madurez da profesión audiovisual. Zarauza definiu a película como “de misterio, cun verniz autoral, e que trata o amor desde a propia necesidade del, todo iso en estreita combinación co paraíso que é a Illa de Ons”. O filme, cunha gran presenza feminina, conta a historia dun matrimonio en crise e a aparición dunha misteriosa muller naufragada. Rodarase durante as próximas cinco semanas neste espazo, no que convivirán actores e actrices como Antonio Durán ‘Morris’, Melania Cruz, Marta Lado ou Anäel Snok (presentes no acto deste luns), coa veciñanza da propia Illa, o que permitirá transmitir a idiosincrasia e a forma de ser deste lugar e das súas xentes.

Xosé Leal, concelleiro de cultura da vila bueuesa, destacou que “é toda unha honra que este filme se desenvolva nun dos nosos espazos de referencia, o que nos permitirá presumir de que Ons é un lugar para o cinema”. Así mesmo salientou a capacidade da cultura para reactivar a economía, e o poder da lingua galega para triunfar por todo o mundo.

A deputada de cultura, Victoria Alonso, puxo o foco na relevancia que este filme, en coprodución das compañías Maruxiña Film Company e a portuguesa Bando á Parte, vai outorgar a este espazo natural. “Vivimos nunha provincia que respira cultura polos catro costados e proxectos audiovisuais coma este contribúen ao incremento do turismo”.

Román Rodríguez, conselleiro de cultura da Xunta de Galicia, apuntou que “temos un gran equipo técnico, un gran elenco de actores e actrices de primeirísimo nivel, unha trama que promete e un lugar emblemático que agardamos que sexa declarado pronto como Patrimonio da Humanidade”. Rodríguez lembrou o bo estado do audiovisual galego, que ten presenza en moitos festivais de renome e que é louvado pola crítica e o público.

No peche do acto interviron os protagonistas do filme, os actores. Melania Cruz avanzou que o que acontece neste filme ten moito que ver coa climatoloxía de Ons, mentres de Morris fixo fincapé en que “temos un equipo formidable e estou seguro de que sairá algo moi importante”.