O filme belga ‘Stephanie’ gaña a Ánfora de Ouro no 14º Festival Internacional de Curtas de Bueu
‘Huntsville Station’ fíxose coa Ánfora de Prata, ‘Hysterical girl’ acadou o Premio do Público e ‘Homeless home’ foi a mellor galega
O filme belga Stephanie proclamouse a pasada noite gañadora do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.000 euros. O vicealcalde do municipio, Julio Villanueva, foi o encargado de anunciar o galardón, que o director da fita, protagonizada por unha nena ximnasta, agradeceu a través dun vídeo, ao igual que a maioría dos premiados. “A historia de Stephanie é moi pequena e sutil, así que é máis especial saber que atopou o camiño cara os vosos corazóns”, dixo Leonardo van Dijl a través da pantalla.
A Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi para a estadounidense Huntsville Station, segundo desvelou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen quixo dar “grazas ás mulleres e homes que traballan no cinema por permitirnos pensar, soñar, reflexionar e ser persoas críticas” e recoñeceu ademais a valía da cineasta chilena Carolina Astudillo, presente no estrado en representación do xurado internacional, engadindo que “precisamos moitas mulleres que conten historias». Jamie Meltzer e Chris Filippone, directores deste documental ambientado nunha estación onde os reclusos que saen dun cárcere próximo viven os seus primeiros momentos de liberdade, salientaron o novo significado que adquiriu a curta por mor da pandemia. “O filme pídelle ao público que se sente nun espazo incómodo e que empatice con quen está atravesando esa experiencia, para crear unha conexión”, concluíron.
Unha das espectadoras incondicionais do FICBUEU, Olalla González, foi a responsable de anunciar o agardado Premio do Público, que recaeu sobre a tamén produción estadounidense Hysterical girl, de Kate Novak, que reexamina desde unha óptica feminista o único caso de estudo de Freud sobre unha paciente muller. O Premio R á mellor curtametraxe galega revelouno Borja González, representante da compañía de telecomunicacións, e recaeu sobre a cinta de animación Homeless home, de Alberto Vázquez. Ambos os dous recoñecementos están dotados con 500€, ao igual que o Premio á mellor curtametraxe experimental, que o xurado desta sección, representado no evento polo realizador Fon Cortizo, outorgou ao filme mexicano Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje, de Gabriel Herrera.
A actriz Cris Iglesias, o director David González e a guionista Araceli Gonda subiron asemade ao escenario como integrantes do xurado nacional no momento de dar a coñecer o Premio á mellor curtametraxe española, xunto co Concelleiro de Cultura. Xosé Leal agradeceu “o esforzo tanto da organización como do persoal municipal” pola súa implicación na preparación do certame, antes de anunciar que a gañadora era Correspondencia, de Dominga Sotomayor e Carla Simón, que recibirán tamén 500€ e mais un desconto en material audiovisual cortesía da empresa WeLab. Doutra banda, o Premio CREA á mellor dirección, que ascende a 200 euros, recaeu no exipcio Morad Mostafa por What we don’t know about Mariam.
O recoñecemento ao Mellor guión foi para Christoph Lauenstein por People in motion (Alemaña). Bella (Grecia), fíxose co premio a Mellor dirección artística, mentres que Lemongrass girl (Tailandia) obtivo o de Mellor fotografía e Still processing (Canadá) o de Mellor montaxe. As curtas francesas Dustin e Sër bi foron galardoadas pola Mellor música e o Mellor son, respectivamente. A holiday from mourning (Países Baixos/Portugal) recibiu os premios a Mellor maquillaxe e peiteado e Mellor vestiario. No tocante á interpretación, Graham Short foi distinguido co premio a Mellor Actor polo seu papel en ‘Ned & me’ (Reino Unido). No entanto, o de Mellor Actriz compartírono as tres protagonistas de ‘Sestre’ (Eslovenia): Mia Skrbinac, Sarah Al Sa-leh e Mina Milovanović.
Como na edición anterior, os trofeos deste FICBUEU 2021 foron elaborados por internos do centro penitenciario da Lama, agás no caso dos dous primeiros premios, que consistiron na xa tradicional anforiña creada pola ceramista Sandra Obarrio. A cerimonia de entrega de premios, conducida polo actor César Aldea, e a posterior proxección do filme de peche Sole, puxeron fin a unha xornada de peche que comezaba coa Gala Escolas Galegas, na que se alzaron cos galardóns o CEIP A Pedra (Bueu), o IES Félix Muriel (Rianxo) e a Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo, amais da realizadora finlandesa Saara Hakkarainen na categoría internacional. A foto no tapiz elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu puxo fin a dez intensos días de actividades e proxeccións que contaron co Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura como principais financiadores.