Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello soluciona os problemas da auga no lugar de Bon

  • O rexedor visitou as obras de colocación dunha válvula redutora de presión que permitirá poñer fin a unha situación de avarías e cortes recorrentes no subministro de auga

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este venres as obras que se acometen no lugar de Bon, na parroquia de Beluso, que consisten na colocación dunha válvula redutora de presión, que se está colocando na metade da rede de auga e coa que se agarda poñer solución definitiva aos continuos problemas e avarías que se viñeron producindo nesa zona ao longo do verán. Segundo explica o rexedor, a razón de todas estas avarías estriba en que dende o depósito que abastece este sector ata o punto de saída da rede hai en torno a 15 ou 16 quilos de presión, o que provoca que as condicións non sexan óptimas e que leva a ter que adoptar cortes e restricións.

Juncal aproveitou a ocasión para destacar que dentro do funcionamento do servizo municipal de auga en todo o verán, máis alá dos problemas derivados da seca e que obrigan a estar en alerta, “temos que trasladar a idea de tranquilidade, pero non relaxación, pois a evolución segue sendo estable, e coincide cun descenso importante na poboación polo remate da tempada estival”. O alcalde confía en que “ese descenso poboacional debería ter incidencia positiva na reserva hidráulica, polo que nos leva a ser optimistas”.

Así e todo, o goberno do Concello de Bueu continúa traballando na preparación do futuro da xestión da auga. “O futuro aconsella que non só nos limitemos ás medidas paliativas, senón que necesitamos propostas correctoras a curto e medio prazo, de aí que teñamos que ir man a man cos concellos da contorna para acadar solucións estruturais ao consumo de auga”, remarca Juncal.