Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu felicita a Daniel Maroñas e Aroha Novas polos éxitos no Campionato European Championship Pro

  • A corporación municipal participou este mediodía nun recibimento oficial aos deportistas bueueses

O salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu acolleu este sábado, 27 de agosto, un recibimento oficial do Concello aos deportistas Daniel Maroñas e Aroha Novas, que colleitaron varios premios no Campionato European Championship Pro, que se celebrou hai dúas fins de semana en Astorga.

Daniel Maroñas, xerente do ximnasio Disciplina Muscular de Bueu fíxose co 1º posto na categoría de -90 Kg e tamén obtivo os máximos puntos para ser Campión Absoluto de presss de banca. Pola súa banda, Aroha Novas tamén conseguiu o 1º posto na categoría TEEN 13-15 (categoría de 13 a 15 anos) cun movemento de 47,5 Kg en press de banca. Esta rapaza de 15 anos tamén competiu na modalidade de peso morto, onde acadou un espectacular movemento de 100 kg que lle permitiu acadar o 2º posto nesa categoría.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que  “dende hai moitos anos estamos vendo unha evolución moi positiva do deporte en Bueu, o que nos enche de moita felicidade, pois cremos que forma parte das nosas vidas e que temos que querelo e amalo”.  Aroha Novas agradeceu emocionada á familia e compañeiros/as do ximnasio por “darme forzas cando fraqueaba”, mentres que Daniel Maroñas incidiu en que “o deporte tamén é saúde, polo que tamén a fomentamos dende o ximnasio”.

Neste acto, ao que asistiron tamén Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Isolina Villanueva, edil do PP, entregáronse uns diplomas conmemorativos e unha bandeira de Bueu.