Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello organiza o próximo sábado unha xornada de captación sobre fútbol feminino

  • O acto terá lugar ás 11.30 h na Praza Massó e contará con algunhas das integrantes do equipo feminino do Club de Fútbol de Bueu

A concellaría de igualdade de Bueu organiza o próximo sábado, 27 de marzo, unha xornada de captación coas integrantes do equipo feminino do Club de Fútbol de Bueu, que terá lugar a partir das 11.30 h na Praza Massó. Este evento, que formaba parte da ‘Semana da Muller’ e tivera que adiarse debido ao mal tempo, busca “poñer de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e que a educación é un dos piares fundamentais para seguir visibilizando as mulleres nos diversos eidos e avanzar como sociedade”, en palabras de Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social.

O Club de Fútbol feminino de Bueu é o único equipo integrado por mulleres na comarca do Morrazo. Precisamente, para tentar concienciar e animar ás mulleres a xogar a este deporte, elaboraron un vídeo que se publicou nas redes sociais do Concello o pasado 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Nel apúntase que 9 de cada 10 humillacións por practicar fútbol sófrenas as mulleres, pois estamos diante dun deporte moi masculinizado no que elas aínda a día de hoxe non gozan dos mesmos dereitos. O vídeo conta coas experiencias dos inicios das mulleres neste deporte, o que lles achega, así como tamén as discriminacións que padecen en moitas ocasións por seren mulleres.

Dende a concellaría de igualdade avánzase que nos próximos anos se continuará traballando nesta liña de traballo, que busca fomentar que as mulleres sexan recoñecidas nos diversos ámbitos de cara a conseguir unha igualdade real.