Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello mellora a sinalización horizontal e vertical en diversas zonas

  • Os traballos, cun investimento de preto de 10.000 euros, inclúen o pintado de vados e pasos de peóns, e colocación de sinais e espellos

O Concello de Bueu está levando a cabo diversas actuacións de mellora da sinalización horizontal e vertical, nas que se inclúen a colocación de espellos en varios lugares, pintado e repintado de pasos de peóns, vados, e instalación de sinais. Estes traballos xa comezaron no verán e continúan este mes de outubro, cun investimento total de preto de 10.000 euros.

Félix Juncal, alcalde da vila, destaca que se vai reforzar a sinalización indicativa de acceso aos campos de fútbol, tanto ao de Laxes, en Beluso, como ao da Graña, en Bueu, e que era unha das peticións máis urxentes por parte das entidades deportivas usuarias destes dous espazos. Así mesmo, destácase a mellora no acceso ás praias, como é o caso da substitución do sinal de Area de Bon; e tamén a colocación dun espello e de varios sinais no lugar de Castiñáns, en Cela, onde había moitos problemas coa circulación de vehículos.

O rexedor salienta que o Concello continúa promovendo actuacións que garantan a mellora da seguridade e da accesibilidade da cidadanía, tanto ás propias vivendas como aos espazos públicos. De aí que xa se desen as indicacións oportunas para que o Xefe da Policía Local comece a elaborar un proxecto de mellora integral da sinalización no conxunto da vila, con propostas concretas para cada unha das zonas, de cara a que se poidan ir acometendo posteriormente por fases.