Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello inicia un plan de desbroce e limpeza de diversos espazos públicos

  • Acondicionaranse e limparanse parques, lavadoiros, cemiterios, ademais de praias e beirarrúas

O Concello de Bueu comezou este luns un plan de actuación de desbroce e limpeza de diversos espazos públicos, que se vai desenvolver ao longo das próximas semanas. Este plan vai comprender a limpeza de parques e espazos públicos do rural, como o do Complexo Sociocultural do Torrecino, O Río, A Cabreira, Outeiro, A Gándara, Nogueira (estes na parroquia de Cela), Cabalo, Sanamedio, Curraces, Parque de Xosé Novas (na parroquia de Beluso), e os do Valado e Casa da Aldea de Meiro, entre outros.

Así mesmo, veñen de iniciarse os traballos de desbroce, limpeza e adecentamento da senda do río Bispo, así como dos entornos ao CEIP A Pedra, institutos, Pavillón Municipal Pablo Herbello e acceso ao campo de fútbol da Graña.

Estes traballos estanse realizando por parte da da brigada de obras municipal e da Asociación de Persoas Con Discapacidade Intelectual Juan XXIII, e agárdase a incorporación de máis persoal no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra, o que permitirá poder actuar na PO-551 entre Portomaior e Trasouto e do vial entre Outeiro e Norte, ademais da limpeza nas diferentes aldeas, cemiterios e lavadoiros municipais. No casco urbano continuarase co baldeo das beirarrúas e a reparación das losetas, tal e como se vén facendo en semanas previas.

Xa de cara á tempada estival arrancará o adecentamento e limpeza das praias, tanto con medios manuais como co tractor.

Contratación da Fundación Juan XXIII

A contratación coa Fundación Juan XXIII enmárcase dentro do financiamento do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 destinada á amortización, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades.

Este contrato para reparación, conservación e mantemento de mobiliario urbano e espazos públicos, realizouse cunha doble finalidade: dunha banda, prestar un servizo de mantemento de infraestruturas e espazos públicos para garantir un uso axeitado pola cidadanía; e doutra, para fomentar a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.