Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu acolle o Campionato Nacional de Balonmán Praia Arena 1000

  • O evento celebrarase do 28 ao 30 de xuño no areal da Banda do Río e nel agárdase a participación de máis dun cento de equipos do panorama nacional

A praia bueuesa da Banda do Río acollerá do 28 ao 30 de xuño o Campionato de Balonmán Praia Arena 1000, que se recupera tras un ano de parón. Así se avanzou este luns na rolda de prensa celebrada no salón de plenos do Concello de Bueu, e na que estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Manolo Otero, concelleiro de deportes, Francisco Blázquez, presidente da Federación Española de Balonmán, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, Fernando Mosquera, responsable de balonmán praia da Federación Galega de Balonmán, José Ramón Martínez, do Bueu Atlético Balonmán, e Irene Vilaboa, adestradora do clube bueués.

A competición insírese no marco do circuíto nacional Arena Handball Tour, que comeza en Torrox o 1 e 2 de xuño, e que percorrerá os lugares de Castellón, Bueu, Orihuela, Valencia, Cádiz e Alicante (nesta última terá lugar o Campionato de España). Na proba de Bueu agárdase a participación dun cento de equipos, e de máis de mil deportistas nas categorías de base a senior masculino e feminino, no que será un “gran espectáculo deportivo e turístico”, tal e como salientou o alcalde, quen tamén apuntou que “tiñamos o compromiso e a ilusión de darlle continuidade, sobre todo pola súa boa acollida a nivel social”.

Pola súa banda, Francisco Blázquez apuntou que “Bueu é o único lugar do norte de España onde se realiza este campionato tan importante para os xogadores pero tamén para os propios clubes”. Desde a Federación Galega destacaron que “supón unha boísima noticia que se recuperase en Bueu esta proba tan demandada”.

Por último, Irene Vilaboa, adestradora do Bueu Atlético resaltou que “Bueu é un lugar onde se respira balonmán polos catro costados, e por iso é unha boa nova que a Federación pensase de novo en nós para acoller un evento tan destacado”.