Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello gaña outra batalla a FCC Aqualia cunha sentenza favorable sobre uns verquidos na praia de Loureiro

Praia de Loureiro

  • A concesionaria deberá pagar unha multa de 3.005,06 € por unha infracción grave do 2015

O Concello de Bueu vén de recibir unha sentenza xudicial do Xulgado Contencioso Administrativo Nº3 de Pontevedra favorable no expediente sancionador imposto á concesionaria do servizo de mantemento das augas municipais, FCC Aqualia, por uns verquidos de augas fecais producidos o 12 de xullo e o 19 de agosto de 2015 á praia de Loureiro.

O alcalde móstrase satisfeito por esta sentenza que imporá 3.005,06 € de multa á concesionaria, e que “demostra a eficacia do traballo de supervisión, seguimento e control que realizamos dende o goberno local para o bo funcionamento do servizo de abastecemento de augas”. Félix Juncal salienta que, cando non se cumpre o contrato, o Concello incoa os correspondentes expedientes sancionadores, para velar por este servizo básico.

Os feitos parten dun expediente iniciado en xullo de 2017, no que se facía constar que a concesionaria podería incorrer nunha infracción grave consistente nun incorrecto mantemento das instalacións da E.B.A.R. de Loureiro determinantes dos verquidos de fecais en xullo e agosto de 2015, con base nunha serie de informes técnicos elaborados pola empresa Ingeniería Lagares Oca SL e dous informes xurídicos emitidos polo asesor externo do Concello. Así mesmo, o informe tamén detalla que na súa inspección á zona, a Policía Local detecta que “do colector de augas pluviais, que desemboca na praia, saía ese día unha nube de augas negras, existindo ao longo da beiramar restos, cada un duns catro centímetros de longo de materia graxa e un forte olor, ao longo de toda a liña de rompente”. Así mesmo, a proposta de resolución sancionadora fai alusión á acta de inspección de asistencia técnica de Augas de Galicia da que se deriva que as augas fecais verquidas no areal procedían do aliviadeiro do pozo de bombeo.

Ademais, hai unha condena en costas que deberá aboar a concesionaria, cun importe máximo de 400 €.