Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu contratará 13 socorristas para a tempada estival nas praias

  • As persoas interesadas en participar deberán ser preseleccionadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia
  • O contrato será dun máximo de 3 meses e 37,5 horas semanais

O Concello de Bueu contratará trece socorristas acuáticos para o servizo de salvamento nas praias con Bandeira Azul durante a tempada estival. As persoas interesadas terán que estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e dispoñibles para o emprego, xa que este servizo fará a preselección.

Unha vez pasado este primeiro filtro, os candidatos e candidatas enfrontaranse a dúas probas: a primeira, de carácter obrigatorio e eliminatorio, consistirá na realización dun exercicio de aptitude física a fin de comprobar a existencia da capacidade necesaria para as funcións que van desenvolver; e a segunda, será un cuestionario tipo test de vinte preguntas teóricas, tamén obrigatoria e eliminatoria.

O contrato será dun máximo de 3 meses e 37,5 horas semanais, e as funcións que deberán levar a cabo serán as de prevención de accidentes ou situacións de emerxencias, o rescate de persoas e o control da súa seguridade nos areais de Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos.

Este servizo está financiado con cargo a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que o organismo autonómico achegará 25.600 €, e o Concello, 43.017,65 €.