Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello esixirá á Xunta de Galicia que asuma melloras no Xulgado de Paz

  • O arquitecto técnico municipal elaborará un informe sobre as deficiencias detectadas no edificio situado en Pescadoira

Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal, visitaron este mércores pola mañá as dependencias do Xulgado de Paz de Bueu para estudar as necesidades de mellora, logo de que a xuíz de paz se puxese en contacto co Concello para abordar o “estado deficiente das instalacións”. Así, ante o estado deficitario das oficinas, o arquitecto técnico elaborará un informe que remitirá á Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia para que acometa as obras, dado que se trata de actuacións de mellora e non de mantemento. O xulgado sitúase nun baixo na rúa Montero Ríos, á altura de Pescadoira, no que se detectaron certos problemas estruturais aos que se deben poñer solución, como a mellora da accesibilidade, a ventilación, e a estética, que non é a adecuada para a celebración de actos públicos que teñen lugar neste espazo, como vodas civís.

A xuíz tamén trasladou a problemática que teñen con respecto á xestión da documentación histórica coa que contan, ante o cal o alcalde solicitará un informe por parte do arquiveiro municipal para estudar as medidas a adoptar para colaborar nesa tarefa dende o Concello ou orientar á administración competente dado que se trata de información histórica. Así mesmo, e ante a existencia de equipamento de reprografía antigo que non cumpre coas condicións mínimas para traballar con documentación de gran formato, o Concello instalará nas próximas semanas unha nova máquina impresora, que se adquirirá no marco do convenio coa Deputación de Pontevedra.

Félix Juncal destaca que “é importante que lembremos que as funcións do Concello son de mantemento e dotación de consumibles, polo que tentaremos adoptar as melloras que estean nas nosas competencias e facer o posible para esixir que outras administracións resolvan as demais”. O obxectivo é, pois, que o edificio se adapte ao século XXI para a súa utilización con plenas garantías por parte das persoas traballadoras e da cidadanía.