Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello acondicionará o parque da Gándara como aparcadoiro

O Concello de Bueu destinará a aparcadoiro o parque da Gándara (Cela), unha demanda que a veciñanza da zona lle expuxera ao alcalde en diversas ocasións ao longo dos últimos anos. Precisamente, Félix Juncal, alcalde de Bueu, e algúns concelleiros do grupo de goberno, reuníronse este xoves pola tarde con algúns veciños e veciñas para expoñerlle o proxecto de reordenación do espazo público que implicará que na zona inferior do parque se aplique unha soleira de formigón e se pinten catro ou cinco prazas de aparcadoiro. En canto á parte superior, a idea do goberno, consensuada coa veciñanza, é realizar unha limpeza e reparación dos bancos de madeira que se atopan en mal estado, para que se empregue como unha zona de lecer e miradoiro.

Tal e como destaca Juncal, “o que buscamos é fomentar a seguridade cidadá e os servizos no rural”. Esta actuación sumaríase ás que xa se levaron a cabo nos últimos anos na zona, como a renovación da iluminación LED e a ampliación da rede de saneamento e abastecemento.

Esta reunión insírese no plan de xuntanzas que o alcalde e o grupo de goberno manterán nas próximas semanas polas diversas parroquias e lugares da vila, co fin de presentar liñas de actuación e proxectos a levar a cabo. Xa hai uns días se dirixiu a Meiro para explicar o anteproxecto de mellora do vial provincial.