O Concello e o Colexio de Arquitectos asinan o convenio para promover un concurso de ideas no barrio da Banda do Río
- Este xoves tivo lugar o acto oficial no que se asinou o documento por parte do alcalde e do presidente da COAG de Pontevedra, que vai permitir que se convoque o tan desexado concurso de ideas
- O goberno local salienta que “isto supón un paso importante, logo de moitos meses de negociación coas diversas sensibilidades do barrio” e permitirá “contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda”
O Concello de Bueu e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron este xoves un convenio de colaboración para a convocatoria dun concurso de ideas que permitirá revitalizar e mellorar as condicións de vida do barrio mariñeiro da Banda do Río. O acto tivo lugar ao mediodía no salón de plenos da Casa Consistorial e nel estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, e Anselmo Villanueva, presidente da delegación do COAG en Pontevedra.
Tal e como destacan Juncal e Villanueva, “isto supón un paso importante, logo de moitos meses de negociación coas diversas sensibilidades do barrio” e permitirá “contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e mobilidade”. Anselmo Villanueva salientou que “é unha honra para nós participar deste proxecto, sobre todo cando gran parte da historia de Bueu discorre por este barrio, polo que é un reto moi ambicioso”.
Este convenio chega tras múltiples reunións celebradas con representantes da Asociación Veciñal da Banda do Río e da Plataforma Veciñal da Banda do Río, dous colectivos que integraron as diversas mesas de seguemento xunto á corporación municipal, co fin de achegar posturas e sensibilidades arredor do que debería ser a filosofía das propostas de mellora neste barrio histórico. Precisamente, os escritos presentados por estes colectivos, xunto a outra documentación e fotos históricas, servirán de base para que os arquitectos e arquitectas establezan as súas propostas de mellora no marco da convocatoria do concurso. Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia etc.
Unha vez asinado este convenio, o persoal do COAG e do Concello traballarán xa na preparación de todos os documentos para a convocatoria do concurso de ideas, no que van poder participar equipos compostos por profesionais con competencias na materia de ordenación urbanística e medioambiental. O xurado estará composto por persoas vinculadas ao sector da arquitectura e da enxeñería, polo que se valorarán as propostas dende o punto de vista técnico. E o ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johán Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avda Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.
O Concello investirá 38.000 € en premios, sendo a proposta gañadora a que se encargaría da redacción do proxecto e que se faría con 20.000 €. O segundo premio estará dotado con 10.000 €; e o terceiro, con 5.000 €. Ademais contémplanse dous accésits, cuxas contías serán de 2.000 € e de 1.000 €, respectivamente.
O goberno bueués considera que “é un momento de cambio e de que por fin se aborde un tema de grande interese social”, motivo polo cal, o obxectivo é que o concurso poida estar resolto antes de que remate o ano. De feito, e dada a transcendencia pública, o Concello expoñerá ao público a totalidade dos traballos presentados para que a cidadanía os poida coñecer.