Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu propón unha serie de rutas saudables para Semana Santa

  • As camiñadas terán lugar o 30 de marzo, e o 1 e 3 de abril, e para todas é necesaria inscrición previa no correo turismo@concellodebueu.gal

O Concello de Bueu porá en marcha unha serie de rutas de sendeirismo para a Semana Santa, coas que se buscará ofrecer hábitos saudables para a cidadanía, ao tempo que se dá a coñecer o patrimonio cultural, natural e etnográfico da vila. Ricardo Verde, concelleiro de deportes, apunta que “despois dun ano de pandemia, necesitamos máis ca nunca gozar dos espazos ao aire libre e da natureza”.

Así, o 30 de marzo, as persoas participantes poderán coñecer a ruta da Costa, con saída dende o porto de Beluso e na que se pasará polas praias como A Roiba, a Aula da Natureza de Cabo Udra ou a Igrexa de Beluso. O 1 de abril, será a quenda do Monte Liboreiro, con saída dende a Praza do Concello, e no que se poderán coñecer o cruceiro do adro de San Martiño, as Mámoas de Castiñeiras, o Petróglifo da Avelairas e o Castro de Liboreiro. E, por último, o sábado 3 de abril, culminarase en Ermelo, nunha saída dende a igrexa, e pasando pola Esculca, Pouso das Cruces e Paralaia.

As persoas que desexen participar deberán enviar un correo electrónico a turismo@concellodebueu.gal, indicando nome e apelidos e un teléfono de contacto. Todas as camiñadas sairán ás 10 h da mañá e durarán aproximadamente tres horas.

Turismo sostible e de natureza

O Concello leva moitos anos traballando para fomentar o turismo sostible e de natureza, cunha especial preocupación polas rutas de sendeirismo, e as actividades respectuosas co medio ambiente e a contorna. O obxectivo das políticas deportivas e de turismo é, pois, dar a coñecer o patrimonio natural e inmaterial da contorna, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.