Aberto o prazo de licitación para a segunda fase de rexeneración da aldea de Ermelo
- As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas económicas ata o 6 de abril
- A actuación completará a que xa fora levada a cabo no 2017 na contorna da igrexa de Ermelo, e conta cunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación
O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para a segunda fase da rexeneración da aldea de Ermelo, que estará aberto ata o 6 de abril, e durante o cal as empresas poderán presentar as súas ofertas económicas, logo de que o pasado luns se aprobasen os pregos na Xunta de Goberno Local.
As obras, que contan cunha subvención do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, están valoradas en 133.778,39 €, IVE engadido. A actuación segue á que xa se realizara no 2017 na contorna desta aldea, e agora completarase a pavimentación da zona con granito, co que se substituirá o asfalto actual. Actuarase na zona baixa, coñecida como Camiño da Fonte, e na zona alta, concretamente no camiño que vai dende o recinto da igrexa ata o cruce do camiño de acceso á Esculca. Estes traballos contan coa autorización sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio, un trámite imprescindible para comezar con este proxecto que se sitúa nunha zona sensible e protexida.
Para o goberno local, a rexeneración da contorna da aldea de Ermelo é un proxectos máis ilusionantes dos últimos anos, sobre todo porque con el se consegue por en valor o patrimonio e a cultura deste núcleo histórico – tradicional no marco do contexto do proxecto “Ermelo: cerne do Morrazo”. Nel realizouse unha páxina web na que se recolle a historia do mosteiro prerrománico de Santiago de Ermelo, que provén do século X e foi reconstruído en estilo románico en 1104 trala súa destrución polos normandos. Posteriormente no século XVIII, sufriu unha nova reedificación barroca. No seu interior atópanse tesouros de recoñecido valor histórico, como inscricións epigráficas, inscricións sepulcrais, etc.
O anuncio e toda a documentación técnica publicouse na Plataforma de Licitación do Estado, con ligazón dende a web municipal.