O Concello e Inmoglaciar acordan manter o aparcadoiro de As Lagoas aberto mentres non se inicien as obras
- A promotora xa dispón de licenza municipal para a construción dun edificio de 59 vivendas, que comezará nos próximos meses
O Concello de Bueu e Inmoglaciar, a promotora do proxecto Glaciar Puerto Bueu situado na parcela da mazá 3 de As Lagoas, acordan que esta continúe aberta para o seu uso como estacionamento mentres non se inicien as obras.
A promotora Inmoglaciar anunciara o seu interese en perimetrar o solar cun peche como antesala ao inicio das obras en próximas datas. Esta parcela viña sendo utilizada nos últimos anos como aparcadoiro e incluso para realizar algún tipo de evento. Por ese motivo, dende o goberno puxéronse en contacto coa promotora para que accedan a que, a pesar do inminente valado, se poida seguir accedendo temporalmente para o seu uso como estacionamento, o cal significa unha boa noticia sobre todo nestes meses de máxima afluencia de visitantes ao Concello e que coincide tamén cunha serie de eventos xa programados con anterioridade.
O Concello agradece enormemente a colaboración da promotora que, segundo manifestou, está pechando trámites para iniciar as obras en próximas datas. Trátase da promoción Glaciar Puerto de Bueu para un edificio na mazá 3 do desenvolvido Plan Parcial de As Lagoas, que suporá contar con 59 vivendas, locais, garaxe e trasteiros. A promotora anunciou tamén que as vendas marchan a bo ritmo e que a promoción tivo moi boa acollida. Pola súa banda, dende o Concello mostran tamén a súa satisfacción para que esta obra poida levarse a cabo, o que vai representar a construción dun edificio de vivendas despois de case unha década.