Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza o ciclo de conferencias «Miradas derredor»

  • As charlas desenvolveranse todos os mércores de agosto no Centro Social do Mar a partir das 20.30 horas
  • Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “é importante fomentar estes eventos que poñen en valor o noso pasado para seguir divulgándoo no presente”

O Concello de Bueu organiza o ciclo de conferencias ‘Miradas derredor’, que se celebrará todos os mércores de agosto ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, e que busca poñer en valor a historia da vila así como recuperar as súas voces culturais e literarias ao longo do tempo. A iniciativa, que naceu hai cinco anos, propón un achegamento temático a distintas cuestións e personalidades, todas elas con vínculos creativos e históricos coa vila de Bueu, que merecen ser recoñecidas, investigadas, promovidas e, pola súa xuventude e e talento, dándolles a oportunidade de ser coñecidas e admiradas.

Carmen García, concelleira de cultura, salientou na rolda de prensa celebrada este martes no salón de plenos da Casa Consistorial que “é importante fomentar estes eventos que poñen en valor o noso pasado para seguir divulgándoo no presente”. A edil tamén animou á participación, pois estas charlas “teñen interese tanto para a veciñanza da vila como para as persoas que nos visitan”. No acto de presentación participaron tamén as persoas integrantes do colectivo “O mar por diante”, como Xaime Toxo, Loli Docampo, Francisco Rodríguez, e Arturo Sánchez.

O programa comezará este mércores, 9 de agosto, coa charla “Gonzalo Viana e a Xeración Ons”, na que Tito Garnelo, José Muñoz e Xaime Toxo presentarán ao artista, escultor, debuxante e navegante que mantivo ao longo do tempo unha relación humana e profunda coa Illa de Ons e a vila de Bueu. Así mesmo, falarase da illa de Ons como unha epicentro dunha comunidade humana e social que formou a toda unha xeración a cabalo entre a ditadura e a democracia. En palabras de Xaime Toxo, “o que buscamos é que Bueu estea sempre no centro pero en diálogo coa contorna e co país”.

O 16 celebrarase a mesa redonda “Texto e territorio III”, na que se continúa co diálogo entre a escrita e o locus onde se produce, ou de que maneira a pertenza a determinado espazo territorial e humano inflúe no feito estético de escribir, ficcionar, poetizar ou analizar a través da palabra impresa. Salvador Castro será o encargado de moderar o debate entre José Manuel Dopazo, Ramiro Agulla e Raquel Calviño.

O 23 seguirá “Arquitectura e paisaxe. Memoria e legado de Ramón Vázquez Molezun no seu centenario”, na que Francisco Rodríguez Pastoriza e María Molezún, filla do arquitecto, darán a coñecer a vida e a obra deste home e tamén a súa relación con Bueu, manifestada na súa vivenda no areal da Roiba, construción de alto recoñecemento arquitectónico, paisaxístico e artístico e considerada unha das iconas da vila.

O ciclo culminará o 30 de agosto co historiador local Arturo Sánchez Cidrás e “Biografías II: Bueu nos seus Alcaldes 1812-2023”, no que fará un percorrido histórico e humano das figuras que tiveron ao longo do tempo a responsabilidade de xestionar o goberno da vila de Bueu. Segundo avanzou Cidrás, na súa charla presentará as biografías destas persoas, así como as obras que fixeron e o papel que cumpriron no tempo que habitaron.

En definitiva, a proposta desta edición pretende continuar as sendas dos fíos con que se van tecendo un mapa espacial, textual, patrimonial e gráfico do devir do pobo de Bueu como comunidade humana.