Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello e a Asociación de Apicultores inician a campaña de trampeo 2021

  • O martes 6 de abril organizarase un acto no que se repartirá líquido para 200 trampas e 25 trampas novas entre a cidadanía que estea interesada en participar na campaña de prevención

O Concello de Bueu e a Asociación Galega de Apicultores continúan coa colaboración anual para loitar contra a vespa velutina. Así, recén comezada a primavera, dende o colectivo comarcal inciden na necesidade de que a cidadanía se conciencie e inicie a colocación de trampas para previr a proliferación de niños. Este ano, e debido ás restricións establecidas pola Covid-19, non se celebrarán as habituais charlas polas parroquias, e só terá lugar un acto central no Centro Social do Mar o próximo martes, 6 de abril, ás 20.00 h, no cal se repartirá líquido para 200 trampas, amais de 25 trampas novas.

Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, anima aos veciños e veciñas de Bueu a participar na campaña, “pois está demostrado que as trampas reducen nunha ampla proporción a proliferación de niños, e por iso temos que incidir na prevención máis ca na retirada”.

AGA Morrazo vén de elaborar un vídeo de concienciación sobre o trampeo, que se difundiu nas redes sociais dos tres concellos do Morrazo. Nel ofrecen datos dos niños de velutina que se retiraron por parte do colectivo dende o 2015 ao 2019, no que se observa unha evolución en crecemento. Así, no 2016 retiráronse 82 niños, duplicándose esa cifra ao ano seguinte, con 165. No 2017 foron retirados 124 niños, e no 2019, 113. A partir dese ano, os niños son xestionados pola Xunta de Galicia, a través dun aviso ao 012.