O Concello de Bueu ultima o I Plan de Igualdade Intercentros
-
A responsable do CIM mantivo este martes unha reunión cos centros educativos para a revisión e estudo da proposta definitiva
O I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022) de Bueu comeza a ser unha realidade. Tras a reunión mantida este martes entre a responsable do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e os/as representantes dos centros educativos, na que se estudou a proposta definitiva, este plan será realidade en xaneiro de 2019, e que se presentará nun acto público a mediados dese mes.
O plan, que se elaborou cunha subvención da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Por iso, e tras a diagnose previa, adoptáronse catro liñas de traballo: modelo de escola coeducativa, desenvolvemento curricular non sexista, orientación con enfoque de xénero e modelo de convivencia igualitaria.
Esta iniciativa de acción forma parte do IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes (2018-2021), que ten como liña prioritaria de actuación a adopción de medidas no eido educativo, que é a base na que se sitúa o cambio presente e futuro. Así, o proceso consta de catro fases: creación do grupo de traballo de centros educativos pola igualdade, diagnose nos centros, elaboración do plan e seguemento e avaliación.
A diagnose incluíu a análise dos documentos internos e as fichas autoavaliativas do CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP A Torre de Cela, CPR Virxe Milagrosa, CEIP Montemogos de Beluso, IES Illa de Ons, e IES Johán Carballeira, a través das que se extraeron algunhas conclusións: as mulleres profesoras representan unha ampla maioría, nos documentos internos persiste a linguaxe sexista aínda que se introduce pouco a pouco a inclusiva, e non existe unha liña de planificación.