O Concello de Bueu ultima a instalación dos parques infantís en Meiro
Durante a mañá deste luns o alcalde visitou a Casa da Aldea de Meiro, onde xa deron comezo as obras de instalación dun parque infantil. Juncal xustificou a demora dadas as inclemencias meteorolóxicas das últimas semanas, que obrigaron a adiar as obras.
Con esta actuación en Meiro, queda culminado o proxecto de renovación e creación de parques en diversas zonas da vila que permitirán que a cidadanía poida gozar de instalacións de lecer adaptadas aos novos tempos, tanto nas áreas urbanas como rurais. Así, este proxecto financiado con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, permitiu crear parques infantís na Antiga Escola Unitaria de Cabalo e na de Sanamedio, así como nos Xardíns de María Eugenia, na Praza do Concello, en Xedide e na Casa da Aldea de Meiro. Ademais, tamén se habilitaron diversas áreas de biosaudables , concretamente no Parque Ramal dos Galos, en Pescadoira e no Paseo de Agrelo- Portomaior.
Outro dos espazos máis utilizados entre a poboación máis nova, como é o skate park sito nas Lagoas completouse coa instalación dun novo módulo.
O proxecto dos parques tiña un prezo total de licitación de 237.846,77€ , IVE incluído, aínda que se dividiu en tres lotes, correspondentes aos parques infantís, zonas biosaudables e skate park. No primeiro caso, adxudicouse a Bricantel SL por un importe de 144.895,48.-€. A mesma empresa resultou adxudicataria tamén do segundo, cun importe de 15.530,41.-€, e do terceiro, Zona de Obra O Rosal SLU, de 6.353,76.-€.