Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu segue defendendo o dereito á sanidade pública

  • O alcalde participou nunha reunión convocada polo Concello de Pontevedra esta semana, e anuncia que fletará un autobús para que a cidadanía poida asistir á manifestación do 12 de febreiro en Compostela

O Concello de Bueu segue defendendo a sanidade pública e o dereito de todas as persoas a seren atendidas nos seus propios centros de saúde. Félix Juncal, alcalde da vila, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e voceiro do grupo do BNG, participaron este mércores na reunión celebrada nas dependencias do Concello de Pontevedra a instancias do alcalde da Boa Vila, e á que asistiron rexedores socialistas e nacionalistas da contorna.

Á saída da xuntanza, Juncal destacou que “compartimos a preocupación ante o que está acontecendo coa sanidade, unha problemática baixo a que subxace un cambio de modelo sanitario”, e que ante iso, “a nivel social debemos mobilizarnos e reclamar os dereitos que nos corresponden e que tanto loitamos por conseguir”. O rexedor bueués reivindica a defensa de políticas que garantan a igualdade entre as persoas e que non se privaticen os recursos.

Todas as persoas asistentes á xuntanza denuncian a falta de persoal médico para cubrir os puntos de atención continuada, o estrés e o esforzo sobrehumano dos e das profesionais, o que leva a unha cantidade elevadísima de pacientes sen médico de familia asignado ou o colapso das urxencias hospitalarias.

A situación en Bueu leva meses con problemas no Centro de Saúde, pois no servizo de urxencias non se cobren as baixas ou vacacións ou ben desprázanse aos seus facultativos a outros centros de saúde da área sanitaria.

O goberno local sitúase ao lado da cidadanía e dos dereitos sanitarios, e por iso apoiará a manifestación convocada en Compostela para o 12 de febreiro pola plataforma SOS Sanidade Pública. Para iso, e como xa se fixo noutras ocasións, poñerase un autobús a disposición da cidadanía que queira asistir e do que se informará nos próximos días.