Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recolle preto de 5000 quilos de aceite usado no ano 2022

  • Os aceites conseguidos evitaron a contaminación de máis de cinco millóns de litros de auga o que, transformado en biocarburante, xerou un aforro de 13,92 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera
  • O departamento de medio ambiente continúa traballando para afianzar a recollida selectiva e incide na colaboración cidadá

O Concello de Bueu recolleu durante o ano 2022 un total de 4.640 quilos de aceite usado nos contedores instalados nas diversas zonas da vila, unha cifra que evitou a contaminación de máis de cinco millóns de litros de auga. Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de xestión de residuos e medio ambiente, “os litros recollidos van en constante aumento ano tras ano dende que se instalaron estes contedores no 2019”. Así mesmo, unha vez transformado en biocarburante, xerou un aforro de 13,92 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera.

Os colectores de aceite usado instaláronse en once puntos da vila, concretamente, na rúa Xosé María Estévez, en Loureiro, na rúa Montero Ríos, en Agrelo, na Avda de Marín, na Banda do Río, en Pazos Fontenla, na praia de Beluso, na Rúa Nova de Arriba en Beluso, e ao carón do cemiterio de Cela.  Segundo as cifras achegadas pola empresa, o colector que recolleu máis litros no pasado ano é o da Rúa Nova de Beluso, seguido moi de preto polos situados no casco urbano.

Desde o departamento de medio ambiente municipal celébrase esta noticia, aínda que se continúa poñendo o foco na necesidade de concienciar á cidadanía, pois o aceite de cociña usado ten un poder contaminante 5.000 veces superior que a auga residual que circula polos sumidoiros e redes de saneamento. Por iso se recomenda a toda a veciñanza que participe nesta iniciativa, para a que se deberá depositar o aceite sempre en botellas pechadas e dentro do interior do colector. Para axudar nesta xestión, a Mancomunidade do Morrazo pon a disposición da cidadanía uns funís que se poderán solicitar de balde a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou dirixirse presencialmente ao Concello de Bueu. Esta campaña conta cunha subvención de 7.000 € da Xunta de Galicia, con financiamento europeo, e o seu obxectivo é seguir sensibilizando á poboación na necesidade de coidar o medio ambiente dende pequenos xestos cotiáns.

Así mesmo, dende a concellaría de medio ambiente tamén se pon o foco en implementar as medidas de reciclaxe e redución do lixo xerado, motivo polo cal se continúa co reparto de composteiros individuais entre a cidadanía interesada.