Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu repara unha decena de bancos para o uso por parte da cidadanía

  • O alcalde apela á conciencia e á responsabilidade cidadá para que se manteñan os espazos e o mobiliario público en bo estado

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou hoxe o bo traballo da brigada de obras e servizos municipal e do persoal do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra. Precisamente, ao longo das últimas semanas, o carpinteiro contratado no marco deste plan de emprego provincial encargouse da reparación dunha decena de bancos situados no casco urbano, que foron feitos dende o comezo, incluíndo a realización dos taboleiros, o lixado, o vernizado e o tratamento posterior. Catro destes bancos sitúanse na rúa Matilde Bares, dous en Castelao, catro no Parque Ramal dos Galos e un na contorna da Casa da Música Manuel Omil. A iso hai que engadir a instalación dunha mesa con bancos no Parque Ramal dos Galos, que xa se fixo hai un mes a petición das persoas usuarias deste espazo no que sitúa a Biblioteca Municipal Torrente Ballester.

O rexedor salienta que “ao longo destes meses fomos capaces de acometer unha serie de actuacións de mantemento dos espazos públicos que levaban moito tempo en agarda, non só no centro senón tamén nas aldeas”, e apela “á conciencia e responsabilidade cidadá para que os espazos e o mobiliario urbano se atopen nas mellores condicións, pois son para o goce de todas as veciñas e veciños”. Neste senso, o alcalde condena as actuacións de vandalismo que se produciron en meses previos, como foron as pintadas da porta da Casa Consistorial ou as que apareceron nos bancos da Praza Massó.