Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu participou na reunión de valoración da Covid-19 e apela á ‘responsabilidade individual e colectiva’

  • Segundo os datos facilitados polo Xerente da EOXI Pontevedra- Salnés, Bueu conta a día de hoxe con 79 casos de persoas positivas, dúas menos ca onte
  • O rexedor apela á responsabilidade persoal e colectiva e a continuar respectando escrupulosamente todas as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias

Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo este martes, 29 de decembro, unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade na que se valorou a evolución epidemiolóxica da Covid-19, despois de que se comunicase hai dúas semanas que o concello se atopa en nivel de alerta máxima. Na xuntanza, na que tamén estiveron os alcaldes e alcaldesas dos municipios de Pontevedra, Poio, Marín e Soutomaior, o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés salientou que a día de hoxe son 79 os casos positivos na vila, e que esta semana xa se comezou cun cribado á hostalaría, no que participan arredor de 130 persoas. Neste sentido, e tal e como xa avanzara na reunión da semana anterior, é probable que o cribado se incremente a outros sectores e segmentos da poboación, unha decisión que, en todo caso, lle corresponde ao Sergas ir detallando e concretando.

O alcalde salienta que “é imprescindible seguir sendo prudentes e pacientes, cumprir con todas as recomendacións e obrigas establecidas polas autoridades sanitarias”, polo que apelou de novo “a ser perseverantes no esforzo individual e colectivo”.

Bueu continúa en alerta máxima, o que supón que as xuntanzas de grupos en espazos públicos ou privados será de catro persoas, agás no caso de convivintes en que non se aplicará esta limitación. Ademais, os establecementos de hostalaría e restauración teñen prohibido o consumo no interior, e tan só se permitirán as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 18.00 h para as festas (amplíase unha hora).

Plan da Xunta de Galicia para Fin de Ano

Segundo informaron os responsables da Xunta de Galicia aos alcaldes e alcaldesas na reunión, as restricións para a celebración de Fin de ano mantéñense invariables con respecto á Noiteboa, polo que a recomendación segue sendo a de reunirse só co núcleo familiar convivinte e, se non é posible, un máximo de dous e seis persoas. Entre as 00, 00 horas do día 30 de decembro e as 23 horas do día 1 de xaneiro permitirase a mobilidade de persoas con motivos das visitas familiares, incluso naqueles concellos que se atopan perimetrados. Esta mobilidade adicional tamén será extensiva para aquelas persoas que visiten a nosa comunidade durante estas datas, e polo mesmo motivo. Ademais, o toque de queda amplíase o día de Fin de Ano ata as 1.30 horas da madrugada.

Así e todo, anunciáronse algunhas novidades. Tal é caso das limitacións para a hostalaría, que cambian nos niveis de restrición medio alto e alto (este é no que se atopa Bueu), de forma que se poderá pechar ás 18.00 horas en vez de ás 17.00 horas. O Día de Ano Novo, ademais, as cafetarías deberán abrir despois das 11.00 horas, volvendo o 2 de xaneiro ao horario habitual.

Sanidade lembra que este ano non están permitidas as festas de Fin de Ano, nin os encontros na rúa para celebrar o a chegada de 2021, así como tampouco fumar na rúa. e sempre se deberá de manter a máscara posta, salvo no acto de consumo dunha bebida ou comida propiamente dito.