Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu rende homenaxe a Manuel Aldao e Manolo Purro, dous ronseis do mar

  • O Centro Social do Mar acolleu este domingo a estrea dos documentais que salientan a contribución destes dous homes á memoria da vila

Continuando co labor de reivindicación da memoria individual e colectiva, o Concello de Bueu celebrou este domingo, 14 de novembro, unha homenaxe a Manuel Aldao e Manolo Purro, dous homes que “son garantes de que a nosa etnografía, o noso pasado e a nosa historia perduren”, tal e como apuntou Félix Juncal, alcalde de Bueu. No acto, que tivo lugar pola tarde no Centro Social do Mar, estreáronse os dous audiovisuais titulados “O Ronsel de Manolo Purro e Manuel Aldao”, un proxecto que saíu adiante coas axudas do Galp Ría de Pontevedra e que pon en valor as traxectorias e experiencias de dous homes que traballaron arreo polo patrimonio local.

Amais dos audiovisuais elaborados pola equipa de Adarme Audiovisual, as persoas asistentes puideron facerse cun pequeno libro no que se recollen os testemuños de Manolo Purro e Manuel Aldao, a súa contribución á historia local, ademais de lembranzas de persoas da súa contorna, como o escritor Salvador Castro ou a poeta Míriam Ferradáns.

Estrea documentais «O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro»

Este acto foi a continuación da homenaxe que tivera lugar en xullo no marco da Semana da Cultura Mariñeira. A gala homenaxe a Manuel Aldao e Manuel Purro está incluída dentro do proxecto O Ronsel, unha iniciativa que ten como obxectivo contar a historia de veciños e veciñas de idade avanzada e a súa relación co mar a través dun vídeo e dun catálogo fotográfico que conteña as dúas historias destas persoas contada a través do vídeo e das imaxes, e que tivo como acto principal unha homenaxe pública nunha Gala que pechou a Semana da Cultura Mariñeira. Esta iniciativa contou co financiamento da Consellería do Mar a través do programa de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobada para o grupo de acción local do sector pesqueiro da Ría de Pontevedra para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Tal e como apuntou o alcalde no acto deste domingo, “eles, Purro e Aldao, foron referentes para outras persoas que seguiron o seu camiño e que reivindican o noso patrimonio, que o salvagardan para a posteridade”, e por iso “envío o meu máis sincero e honesto agradecemento a Purro e Aldao”. 

Con este acto, que contou cunha actuación da comparsa Os Mulos e coa presenza de concelleiros e concelleiras da corporación, familiares e amizades dos homenaxeados, o Concello segue apostando pola memoria e a homenaxe ás persoas que axudan a construír o pobo.

Esta iniciativa contou co financiamento da Consellería do Mar a través do programa de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobada para o grupo de acción local do sector pesqueiro da Ría de Pontevedra para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Manuel González Ferradás ‘Purro’ está considerado o último carpinteiro de ribeira, que traballou no Estaleiro da Banda do Río ata a súa xubilación, concibindo a creación de moitos barcos nas súas mans. O legado de Purro mídese a través de dúas formas: a primeira é a conservación dunha estrutura, o estaleiro de ribeira; e a outra, a conservación dunha técnica, dun oficio, o coñecemento dunha forma de facer, dun xeito de construír.

Pola súa banda, Manuel Aldao Portas é un pioneiro na investigación etnográfica e cultural de Bueu. Dende o seu traballo na fábrica de Massó, puxo a súa memoria material e inmaterial a disposición da vila bueuesa e da súa historia, que se completa con investigacións arredor do bote polbeiro, os cruceiros, os muíños ou o reparto das augas.

Os documentais pódense ver na canle de YouTube do Concello de Bueu:

O Ronsel de Manuel Aldao

O Ronsel de Manolo Purro