Bueu acolle en outubro un curso de introdución á lingua e cultura galegas
- A formación organízase co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia
- As persoas interesadas en participar poderán inscribirse dende o 7 de setembro no segundo andar da Casa do Concello
O Concello de Bueu acolle en outubro un curso de introdución á lingua e cultura galegas, unha formación de vinte horas que pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas provenientes do exterior. A formación, que terá unha duración de vinte horas, organízase co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua e impartirase nas instalacións do IES Johan Carballeira os días 1,2,,6,7,8,9,13,14,15,16 de outubro 16:30 á 18:30 horas.
No curso poden participar persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan no ano 2026, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida, e non se requiren coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas a diferentes niveis. As inscricións ábrense o 7 de setembro e deberán formalizarse no segundo andar da Casa do Concello, e ao remate entregarase un diploma acreditativo.
A formación achegará nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática hai unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música etc.).
Este curso ten un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.