Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recolle as Bandeiras Azuis das praias da Banda do Río, Portomaior, Lapamán, Lagos e Area de Bon

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, participou este mércores no acto de entrega dos distintivos que se celebrou na praia marinense de Loira
  • O Concello de Bueu conta tamén con dous centros azuis, Cabo Udra e Agrelo, e o sendeiro azul de Udra, o que revalida o gran traballo a nivel de servizos e coidado do medio ambiente

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, recolleu este mércores, 22 de xuño, as Bandeiras Azuis que este ano conseguiron as praias da Banda do Río, Portomaior, Lapamán, Lagos e Area de Bon, ademais da Aula da Natureza de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e o Sendeiro de Udra. Este acto, que tivo lugar na praia marinense de Loira, contou coa presenza de concellos de toda Galiza, ademais do presidente da Xunta de Galicia, a Conselleira de Medio Ambiente ou o presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), entre outras autoridades.

Como xa se anunciou hai unhas semanas, o Concello de Bueu conseguiu revalidar este ano as bandeiras azuis habituais, ás que sumou o areal urbano da Banda do Río, o que supón todo un fito para a vila morracense, pois “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apuntan Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo. Precisamente, o Concello puxo en marcha xa o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se instalaron uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.

Este distintivo concedido pola ADEAC valora factores como a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo  pon a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”, pois “que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e agora é un soño cumprido”. Juncal alude ao ano 2007, cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais desta praia e que facían que non fose aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. “É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas”, continúa Juncal que nomea outras actuacións importantes como foi a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal que pasaron duns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se refrendou nos últimos anos.

Así, pois, esta bandeira supón “a conquista de novos espazos de convivencia e relación social, pero tamén o incremento de recursos turísticos que teñen unha incidencia directa na economía local”, culmina o rexedor.

Pola súa banda, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “estes galardóns son unha garantía de que nas praias se cumpren determinados parámetros medioambientais, de limpeza e de servizos como o socorrismo, e de que no Concello levamos a cabo políticas sustentables co medio que habitamos e mellorando os servizos ano a ano”.

As autoridades do Morrazo coa Bandeira Azul 2022