Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde participou no acto de entrega dos premios de vídeos en galego do IES Illa de Ons

  • O certame foi organizado polo equipo de dinamización lingüística do centro para difundir o uso da lingua galega nos diversos eidos e aproveitando as novas tecnoloxías

Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu, participou este martes no acto de entrega de premios aos mellores vídeos en galego organizado polo IES Illa de Ons no marco dun proxecto do equipo de dinamización lingüística. O acto, que tivo lugar no Centro Social do Mar, premiou as mellores creacións audiovisuais dunha duración inferior a un minuto en ámbitos tan diversos como o coñecemento, a cociña, o amor e o desamor, a igualdade, a etnografía, o humor, o documental… e tamén contou con actuacións musicais preparadas polo alumnado para a ocasión.

O rexedor entregou o premio ao mellor vídeo, que foi para Cristian Verde Piñeiro, e aproveitou para destacar “o traballo inmenso e ilusionante do centro porque é moi importante manter esta paixón”. A gala comezou cun manifesto de defensa a prol da lingua galega, e a continuación, o profesorado e as autoridades asistentes foron entregando os premios das diversas categorías.  Na categoría de mellor vídeo titorial, a gañadora resultou ser Mariña Fernández, no de mellor vídeo familiar, Pablo Loira, no de mellor vídeo documental, Román Parada, no de mellor vídeo creativo, o grupo de alumnos e alumnas co proxecto “Tola tras de ti”, e no de mellor vídeo á promoción da igualdade, Pedro Costas. Tamén se entregaron dous galardóns a series de vídeos: o accésit foi para o equipo conformado por Antía Riobó e Saray Santomé, e o primeiro premio, para Daniela, Catalina e Mariña.

En canto aos mellores vídeos, o primeiro recibiuno Cristian Verde, o segundo, Manuel Soliño, o terceiro, Xavi Martínez, o cuarto, Daniela Otero e o quinto, Alba Gallego.

Ana Belén Castro, directora do centro, destacou a variedade dos traballos presentados ao certame “que representan a vida poliédrica, na que todo se mestura, como as loitas”. Ademais, apuntou que“non podemos entender a nosa identidade sen respecto pola diversidade”.

A gala contou con varias interpretacións musicais a cargo do alumnado, como a recoñecida “Lela”, unha de creación propia de estilo rapeiro ou outra de pop. Todo para culminar cun baile a prol do respecto e a diversidade baixo a melodía de “Pano corado” das Tanxugueiras.

Entrega do alcalde do premio ao mellor vídeo