Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe un ano máis ao alumnado do instituto alemán de Harsewinkel

O IES Johán Carballeira de Bueu leva xa seis anos organizando intercambios co instituto da localidade alemá de Harsewinkel (Renania do Norte-Westfalia), e como xa vén sendo habitual no calendario, estes días reciben a nove alumnas de secundaria, acompañadas de dúas profesoras. Este xoves compartiron un acto no salón de plenos do Concello de Bueu con Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, e Tamara Sotelo, edil de medio ambiente.

Leal destacou a importancia dos intercambios culturais e educativos que “permiten aos rapaces e rapazas coñecer lugares diferentes e compartir experiencias”. O concelleiro incidiu en que estas experiencias contribúen á “defensa de todos os pobos de Europa, que participan no global desde o local”. As nove rapazas, acompañadas doutros alumnos do instituto bueués, puideron conversar tamén sobre o gran reto que como sociedade temos por diante con respecto ao medio ambiente. Neste sentido, Tamara Sotelo transmitiulles que “é necesario que compartamos ideas con respecto ao clima e ao coidado dos lugares que habitamos”.

Nos vindeiros días, as alumnas terán a oportunidade de coñecer os principais lugares de interese turístico e cultural da contorna, os costumes e as formas de vida.