O Concello de Bueu recibe aos nenos e nenas saharauis do programa ‘Vacacións en paz’
- Félix Juncal destacou o inmenso labor social das familias de acollida que permiten que os cativos e cativas poidan gozar dunha experiencia moi frutífera
O salón de plenos do Concello de Bueu recibiu este luns, 1 de agosto, aos nenos e nenas saharauis que gozan este verán na comarca no marco do programa “Vacacións en Paz” que organiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou o inmenso labor social das familias de acollida que permiten que os cativos e cativas poidan gozar dunha experiencia moi frutífera, motivo polo cal se mostrou “moi contento por compartir estes momentos cada verán con vós”.
O Concello de Bueu deulles a benvida aos nenos e nenas e ás familias de acollida nun acto no que intercambiaron anécdotas e no que tamén se lles fixo entrega dunhas mochilas para o curso escolar, ademais de camisetas e bandeiras da vila de Bueu.
O programa “Vacacións en Paz” retomouse este verán tras tres anos de parón pola pandemia, e o que pretende é que os nenos e nenas pasen un verán en paz, un momento que coincide coa situación que se vive nos campamentos con olas de calor estremas e pola cesión do Goberno de España ante as pretensións de Marrocos sobre o Sáhara Occidental.
No acto participaron ademais Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, Elena Estévez e María Carmen Núñez, edís do grupo do PP.