Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu celebra a XXI Festa do Polbo cunha vintena de especialidades e actividades paralelas

  • A festa terá lugar do 13 ao 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís, e incluirá diversas especialidades de preparado deste cefalópodo a cargo de tres locais hostaleiros
  • Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG, será o encargado de ler o pregón o 13 de agosto ás 12.00 horas
  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “despois de dúas edicións reducidas por mor da pandemia, este ano recuperamos a festa con plena normalidade e con moitas ganas”

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 13 ao 15 de agosto a XXI Festa do Polbo, que se celebrará no aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns Urbano Lugrís e que ofrecerá a posibilidade de degustar máis dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. Ademais diso, e como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, na que “colaboran moitísimos colectivos da vila”, tal e como declarou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa celebrada este martes no Estaleiro de Purro (Banda do Río). Neste acto tamén participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, e representantes dos locais hostaleiros Frigoríficos Rosa de los Vientos, O Rincón de Cela, así como de colectivos que participan na festa a través de diversas iniciativas, como Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, Asociación de Alfombristas Cunchas e Flores, curso de talla de Bon, Aguias de Vigo, e Club de Atletismo Corredoiras.

Silvia Carballo destacou que “despois de dúas edicións reducidas por mor da pandemia, este ano recuperamos a festa con plena normalidade e con moitas ganas”. A edil salientou a unión de forzas cos colectivos da vila, “cos que sumamos esforzos”. Nesta idea tamén incidiu o alcalde, Félix Juncal, quen lembrou que “este proxecto naceu co obxectivo de reivindicar un produto tan noso como o polbo, e esta festa une actividade social, festiva, gastronómica e cultural, dando lugar á receita máis saborosa posible”.

Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o sábado, domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas, e nese horario as persoas que o desexen poderán degustar as especialidades preparadas.  Previamente, o venres está programada unha ruta gastronómica na que se explicará todo o proceso dende que se captura ata que se cociña o polbo, ao tempo que se visitan os espazos relacionados como a lonxa, a Praza de Abastos ou o Museo Massó.

A inauguración oficial da festa será o sábado 13 de agosto, coa lectura do pregón a cargo de Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG que actualmente está á fronte do programa da TVG “Quen anda aí?” e que xa o ano pasado foi o encargado de guiar a Gala do Deporte do Concello de Bueu. Previamente, ás 11 horas está programada a descuberta do polbo artístico feito e doado polo curso de talla de Bon e que se instalará na fachada da Praza de Abastos, e tamén a actuación con pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Retrouso. Ese día pola noite, ás 21.00 horas, a Charanga Barafunda animará a festa.

O domingo, o Club de Atletismo Corredoiras coordinará unha serie de xogos populares ás 11.30 horas. Ás 12 horas, haberá un pasarrúas e un espectáculo cun Polbo Xigante, concretamente de  15 metros de longo e elaborado con globos biodegradables, que se poderá admirar polas rúas da vila.

O luns, ás 12 horas, actuará a Charanga Noroeste, e xa pola tarde, a partir das 20.30 horas, desenvolveranse actividades infantís que contarán con persoal especializado en necesidades especiais, e nas que poderán participar nenos e nenas presentando os tíckets de compra da festa. Tamén os tres días, as persoas que o desexen poderán degustar lambetadas elaboradas con millo corvo grazas á Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, e poderase ver unha alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores na rúa Johan Carballeira.

Horarios e especialidades

A festa arrancará o 13 de agosto ás 12.30 h, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custe de 8.00 € e de 12 €, segundo a ración, e serán preparadas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.

Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 8.00 €, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 12 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaen, polbo á galega e polbo á feira. O Rincón de Cela presentará empanada de millo e trigo, croquetas de polbo, salpicón de polbo e salteado de setas con polbo, todas a 8.00 €; mentres que por 12 € cociñarán polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, pizza de polbo, ensalada de polbo e tortilla de polbo; e Casa Acuña ofrecerá, por 8.00 €, empanada de polbo de millo e trigo, coquetas de polbo, tosta de polbo con queixo tetilla, arroz de polbo e pizza de polbo; e por 12 €, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo encebolado e salpicón de polbo.