Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe ao alumnado do instituto alemán de Harsewinkel por quinto ano consecutivo

Recepción alumnado instituto alemán de Harsewinkel

O IES Johán Carballeira leva xa cinco anos organizando intercambios co instituto da localidade alemá de Harsewinkel (Renania do Norte-Westfalia), e como xa vén sendo habitual no calendario, estes días reciben a nove alumnas de 1º de Bacharelato, acompañadas de dúas profesoras, que hoxe foron recibidas no salón de plenos do Concello de Bueu, nun pequeno acto no que participaron o alcalde da vila, Félix Juncal, Teresa López, concelleira de educación, e Fidel Castro, edil de obras, servizos e relacións institucionais.

No acto, o alcalde conversou coas alumnas e coas súas mestras e tivo a oportunidade de facerlles entrega duns agasallos institucionais, concretamente dous libros sobre a historia da vila morracense, e unha réplica da escultura de Inés Palmira do pintor José Solla, elaborada polas persoas con discapacidade intelectual da Asociación Juan XXIII de Cangas. Pola súa banda, desde o instituto alemán quixeron dar a coñecer a súa tradición mediante a entrega dunha publicación sobre gastronomía que, segundo salientou unha das mestras, “é unha compilación de receitas tradicionais e modernas, e queremos levalas a todos os lugares cos que facemos intercambios para propoñer unha fusión de cociñas”.

Félix Juncal incidiu na “riqueza que supoñen estas experiencias, tanto profesional como persoalmente”, xa que permiten intercambiar formas e hábitos de vida, ademais de aprender sobre o xeito de vivir nas diversas partes do mundo.

Ao remate, o alumnado tiña programada unha visita por un dos emblemas naturais máis recoñecidos da vila: a zona de Cabo Udra, e nos vindeiros días continuarán coñecendo a vila e a contorna.

0 Comments

Aínda non hai comentarios

Deixar un comentario