Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu programa diversas actividades para conmemorar o Día da Terra

  • Convocarase un concurso de carteis para os centros de educación secundaria da vila, cun premio de 100 €
  • A rapazada será a protagonista a través das charlas e obradoiros organizados con motivo desta efeméride

O concelleiro de medio ambiente de Bueu, Adrián Ferrer, está organizando diversas actividades para conmemorar o Día da Terra, que se celebra o 22 de abril. Así, a actividade central desta efeméride será a convocatoria dun concurso de carteis dirixido aos centros educativos de secundaria da vila, e cuxo gañador/a se fará cun premio de 100 €. As bases sairán proximamente publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) e o prazo de presentación de traballos será de quince días hábiles a contar dende a publicación do extracto por este mesmo medio.

Así mesmo, tamén está programada a realización dunha alfombra a cargo da Asociación de Alfombras de Bueu con temática ambiental e baixo un deseño do artista bueués Marc Taeger. Os rapaces e rapazas serán protagonistas dos obradoiros ambientais que se celebrarán no Centro Social do Mar, e que tratarán sobre pintura decorativa en follas de árbores e tamén de arte e reciclaxe na natureza.

Por último, e co obxectivo de sensibilizar ao alumnado de primaria dos centros educativos, un axente de conservación da natureza ofrecerá diversas charlas para informar do traballo diario, dos incendios e da recuperación de flores silvestres. De feito, no CEIP A Torre de Cela xa terá lugar o próximo venres, 13 de abril, ás 12.00 horas, e nela realizarase ademais unha solta de animais. Dende a concellaría informan de que cara a finais de mes se programarán as charlas nos demais colexios de primaria da vila.