Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu inaugura este xoves as IV Xornadas das Alfombras Florais

  • O programa, organizado pola Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, arrancará este xoves, 11 de abril e estenderase ata finais de mes, cunha exposición fotográfica, conferencias e gala de homenaxe aos alfombristas

A tan só tres meses para a celebración da festividade do Corpus (este ano será o 3 de xuño), dende a Asociación das Alfombras de Bueu, en colaboración co Concello de Bueu e outras entidades, xa teñen programadas as IV Xornadas das Alfombras Florais, que inclúen exposición fotográficas, diversas conferencias e gala de homenaxe ás alfombristas.

O programa arranca este xoves coa inauguración dunha exposición fotográfica na Sala Domínguez Búa ás 20.30 horas, na que se poderán ver imaxes das alfombras dos anos 70 a 90, as viaxes internacionais dos membros da Asociación no marco da Comisión Internacional e algunhas de municipios galegos onde se confeccionan este tipo de tapices florais. Estará aberta ao público ata o 29 de abril, en horario de 11 a 13.30 e de 17 a 20.30 todos os días.

O venres comezarán as conferencias da man de Rafael Sánchez Bargiela, Director Xerente do Plan Xacobeo, ás 20.30 horas na Sala Nobre do Museo Massó, seguida dunha actuación do grupo de jazz “Los Fantásticos del Morrazo”. O sábado será a quenda de Vicenta Pallarés, Presidenta da Comisión Xestora Internacional de alfombristas de Arte Efémero, que intervirá a partir das oito da tarde tamén no Museo Massó, onde tamén estarán presentes varias delegacións de alfombristas galegas, seguido da actuación de “The Manueles”.

Gala Alfombristas Veteráns 2017

O 15 de abril será o día máis agardado, pois está programada a Gala Homenaxe ás Alfombristas da vila bueuesa, que se celebrará no Centro Social do Mar ás 18.30 horas. Alí, como xa vén sendo habitual dende fai catro anos, entregarase un agasallo a diversas persoas e asociacións que colaboraron dende sempre para manter viva esta tradición que forma parte da cultura colectiva. Tal é o caso da familia Estévez, da familia Quintela e do grupo de veciños e veciñas da zona alta da rúa Eduardo Vincenti, así como os alfombristas da parroquia e da Praza de Abastos, ou o Club Golfiños. A xornada rematará coa actuación de “Médula”.

Para a seguinte semana, teremos una charla homenaxe dedicada ao pintor Xosé Benito Otero Baena, que se celebrará o 20 de abril ás 20.30 horas no Centro Social do Mar, acompañada da música do grupo “Son Trio”. Titulada “Un pintor sen pinceis”, intervirán Covadonga López, directora do Museo Massó, que falará da relación de Otero Baena con Urbano Lugrís; Marta Otero, filla do pintor, que será a encargada de explicar a súa faceta máis persoal, e Beatriz Sal Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, que abordará a súa vertente máis artística.

Por último, o 21 de abril clausuraranse estas xornadas cunha charla sobre o Pergamiño Vindel a cargo da profesora e filóloga Mariña Arbor Aldea, acto que se poderá seguir no Museo Massó a partires das 20.00 horas. O punto e final porao o grupo “The Swinging Flamingos”.

A festa das alfombras do Corpus de Bueu conta con moita tradición, desde mediados do século XVII, acadando un gran esplendor nos anos 40 e 50 do pasado século. Despois de tanta historia, no 2015 naceu a Asociación Cultural das Alfombras, cun duplo obxectivo: revitalizar esta tradición e levala máis alá das nosas fronteiras. Por iso, dende o pasado ano xa conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia.