Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha as Escolas de Familias

  • A destinada ás familias de alumnado de primaria comezará o próximo xoves, 4 de outubro, nas dependencias do CEIP A Pedra, e a de secundaria o 11 no IES Johán Carballeira

  • As inscricións poden realizarse a través dos propios centros educativos da vila

O Concello de Bueu, a través da Concellaría de Infancia e Mocidade dirixida por Macu Rodríguez, pon en marcha as Escolas de Familias, unha serie de obradoiros que servirán para que pais, nais, avós, e persoas educadoras compartan saberes sobre a crianza dos fillos e fillas de todas as idades.

De cara á mellor organización e tratamento dos temas, haberá unha escola destinada aos pais e nais do alumnado de infantil e primaria, que comezarán o próximo xoves, 4 de outubro, ás 19.00 h no CEIP A Pedra. Entre os contidos que se van tratar están a resolución de conflitos de xeito positivo, o vínculo afectivo e a súa importancia no desenvolvemento infantil, as novas tecnoloxías, e os estudos dos fillos/as.

Os pais e nais do alumnado de secundaria tamén poderá participar noutras escolas, que arrancarán o xoves 11 de outubro nas dependencias do IES Johán Carballeira e nas que se tratarán temas como o control persoal na xestión de conflitos, o benestar emocional na familia, as novas tecnoloxías e o acompañamento dos fillos/as para reforzar a súa autoestima.

As sesións serán quincenais e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse gratuitamente nos centros de ensino do municipio.

As escolas de familias son un espazo para reflexionar e dialogar sobre a crianza e as relacións familiares. Mediante a presentación dun tema, segue despois unha charla – coloquio entre os/as participantes, polo que se aprenderá a comportarse ante novas situacións, a reaccionar ante certas actitudes, e a afrontar dificultades na relación cos nenos e nenas fomentando a educación emocional.

Esta actividade forma parte do programa de obradoiros sociais que o Concello pon en marcha e que atenden a diversos colectivos. Así, xa desde principios de ano estanse desenvolvendo os talleres de memoria para persoas maiores, tanto na Casa do Pobo de Beluso como no Centro Social do Mar.

0 Comentario(s)

Aínda non hai comentarios

Deixar un comentario