Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza este xoves a freguifesta de Ermelo

O Concello de Bueu organiza este xoves, 25 de xullo, a freguifesta de Ermelo, unha iniciativa que tivo o xérmolo o pasado ano e que busca poñer en valor as tradicións festeiras da vila, a través da creación de eventos sostibles nos que estean presentes a lingua, a igualdade, o medio ambiente e a cultura. Os festexos arrancarán pola mañá cedo coa elaboración dunha alfombra floral que recreará esa unión entre o Camiño de Santiago ao seu paso por Santiago de Ermelo, da man da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu.

Ás 12.00 h do mediodía, a música e o baile tradicional estarán moi presentes a través da actuación do grupo local Recordos da Nosa Terra, despois da cal comezarán os oficios relixiosos. A mañá rematará ás 13.30, cando a orquestra Distrito 7 amenizará a sesión vermú.

Xa pola tarde, ás 19.00 h, o grupo Polo Correo do Vento guiará un contacontos ilustrado con música a través dos “Gozosos Anos 30”. A continuación, en torno ás 20 h, terá lugar a homenaxe pola adicación ás festas, que nesta edición recaerá nos veciños Manuel Barreiro Boubeta e Constante Portela González, e na veciña Carmen Otero Juncal.

A xornada culminará cunha verbena amenizada por Distrito 7.

Freguifestas

O programa das freguifestas continuará ao longo do verán por Beluso, a Illa de Ons e Cela, e culminará coa festa do San Martiño en novembro. As mesmas contarán ademais con música tradicional e actual (de verbena, cantos de taberna, rock…) para maiores e xente moza e espectáculos para a rapazada, ademais das homenaxes á veciñanza. Xosé Leal, concelleiro de cultura, asegura que estas citas «buscan revalorizar os espazos de convivencia que hai nas diferentes parroquias mesturando a tradición e a modernidade e fomentando valores na sociedade, para que toda a veciñanza da vila sinta orgullo de pertenza aos seus lugares e á vila no seu conxunto”.