Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza este sábado un Mercado de San Xoán no Parque Ramal dos Galos

  • Terá lugar durante todo o día e incluirá venda de produtos, así como actividades paralelas para todos os públicos
  • O obxectivo é dinamizar este espazo, ao tempo que se combina a tradición coa modernidade ao redor desta ‘noite meiga’

O Concello de Bueu, coa colaboración dos locais comerciantes do Parque Ramal dos Galos, organiza o próximo sábado 23 de xuño o Mercado de San Xoán, que se celebrará no parque Ramal dos Galos entre as 10.30 e as 20.30 horas. Así, unha ducia de expositores ofrecerán produtos relacionados coa nutrición da pel e a alimentación saudable, como xabóns e cosmética natural, tés e infusións, batidos, refrescos naturais, xeados… Unha combinación de produtos para mercar, coñecer e probar.

Segundo declarou na rolda de prensa desta mañá a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, “esta iniciativa fainos especial ilusión xa que este parque era o antigo mercado da vila”. Ademais, “desde o goberno local pensamos que é importante a recuperación deste espazo e a aposta pola tradición e a modernidade”, matizou. Esta idea tamén foi apuntada por Sonia Cabodevila, técnica de desenvolvemento local do Concello, quen salientou que “estamos tentando dinamizar outras zonas da vila”.

Como vén sendo habitual, ao longo de toda a xornada están programadas diversas actividades paralelas para todos os públicos. O programa arrancará as 11 horas, cando a enxeñeira forestal e educadora ambiental, Luz Gómez, guiará unha saída polos arredores para a recollida de plantas de San Xoán, e para a rapazada, obradoiro de larpeiradas saudables a cargo da Farmacia Ramal dos Galos.

Ás 12 horas, a nutricionista e farmacéutica Paula Castro López, falará sobre os mitos da alimentación saudable. E de seguido, en torno ás 13 horas, terá lugar unha charla sobre a orixe e celebración do san Xoán e a preparación do cacho.

Xa pola tarde, Mª José Pazos, coaching de beleza capilar, daranos a coñecer a influencia que teñen as emocións na saúde do cabelo, con diagnóstico capilar holístico gratuíto.

Ás 19 horas desenvolverase un obradoiro de velas de cera natural con plantas aromáticas, flores e aceites esenciais e ritual de San Xoán.

Como peche do mercado, en torno ás oito da tarde, terá lugar un taller de elaboración de repostería con flores de San Xoán.

Segundo apuntou Luz Gómez, de Horta Agrelo, “ao longo de toda a xornada tamén haberá demostracións de tés e infusións, doces naturais sen glute e batidos e refrescos naturais”. Así mesmo, os catro locais hostaleiros da zona (Volver, Paraíso, Blue Lake e Lambedeiro) ofrecerán uns petiscos elaborados con produtos saudables durante todo o día.

Esta iniciativa parte da concellaría de promoción económica e turismo de Bueu e insírese no marco dun proxecto nacido no ano 2013 de aposta por mercados ecolóxicos, artesanais e temáticos. O obxectivo é revitalizar e promover o consumo de produtos de proximidade, e por iso ao longo deste verán se organizarán outros dous. O tradicional Ecobueu, o mercado ecolóxico e artesanal, terá lugar na Praza Massó en xullo e nos vindeiros días abrirase o prazo para a inscrición dos expositores, e tamén en agosto está programado un mercado arredor do mar, que se celebrará no barrio da Banda do Río, ademais doutros que se irán anunciando.