Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza este sábado a terceira edición da Gholifesta

  • Este evento solidario e activista celebrarase nos Xardíns de Urbano Lugrís que se encherán de cor a partir das 19.00 h

A concellaría de infancia e mocidade, dirixida pola nacionalista Inmaculada Rodríguez, organiza este sábado, 25 de agosto, a terceira edición da Gholifesta, un evento destinado especialmente á mocidade e que conta cunha finalidade solidaria e de defensa do dereito de todas as persoas a amar libremente. Tal e como aclarou a edil na rolda de prensa celebrada este venres, aínda que o evento estaba programado para a Banda do Río, deberá trasladarse para os Xardíns de Urbano Lugrís, nas Lagoas, onde xa se celebrou o pasado ano. Alí, a partir das 19 horas actuará o DJ Charmander, que será encargado tamén de amenizar a explosión de cor, durante a que se lanzarán pos de diversas cores cun claro afán reivindicativo.

A Gholifesta de Bueu é un proxecto nacido no ano 2015 e que toma como base a tradicional Holi, un festival hinduísta de primavera que se celebra en lugares como a India, o Nepal e algunhas comunidades de orixe indio do Caribe e Sudamérica. Na súa orixe, Holi tamén marca o inicio da primavera, e para moitos o comezo do novo ano. Centos de persoas, a maioría mozos e mozas, reúnense nas cidades máis importantes na conmemoración ao amor dos deuses Radha y Krisná. Con pos de todas as cores, os e as asistentes desta festividade píntanse uns a outros creando unha inmensa nube multicolor, coa que se busca chegar á mocidade, así como transmitir os valores de paz, solidariedade e activismo e defender o dereito de cada persoa a ser quen é.

No acto de presentación tamén estivo Carmen Miranda, tesoureira da Asociación Bicos de Papel, colectivo que nace no 2017 co fin de axudar a nenos e nenas oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro. Concretamente destinarase un euro de cada pack da Gholifesta, que está conformado por camiseta conmemorativa, mochila e pos de cores e que custará 10 €.

Dado que outro dos obxectivos do evento é concienciar sobre o dereito a amar libremente, estará dispoñible un posto informativo da man de Inés del Río, pediatra e representante de Médicos do Mundo e activista dos dereitos LGTBI.

Presentación da Gholifesta 2018