Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Aula de Cabo Udra proxectará o domingo un novo ciclo de curtas sobre o home e a natureza

  • A sesión terá lugar ás 19.30 horas con acceso de balde ata completar aforo

  • O sábado continuarán as rutas polo Sendeiro do Litoral II, con saída desde a praia de Portomaior ás 9.30 da mañá

O Concello de Bueu, en colaboración coa Asociación FICBUEU e a Deputación de Pontevedra, está organizando estas semanas un ciclo de curtametraxes sobre diversas temáticas que teñen que ver coa natureza, cuxo obxectivo é dinamizar o espazo da Aula da Natureza de Cabo Udra e concienciar sobre diversas temáticas sociais. Tras a sesión da pasada semana, o vindeiro domingo, 26 de agosto, poderanse ver a partir das 19.30 h “Fin do pasado recente” de Salvador Pardo, “Der Gesellschafter”, de Tania Egen, e “Pan”, de Anna Roller.

A través do filme de Salvador Pardo, descubriremos a un mozo videógrafo que coñece a un fareiro nos días previos á súa xubilación, un encontro no que percorreremos a illa de Sálvora e os principais cambios que a vida lle propón.

Pan” fala dunha moza de vinte anos que se obsesiona co deus do bosque, o cal se converte en animal. E “Der Gesellschafter”, de Tania Egen, conta como unha mañá, nalgún lugar, alguén decide non saír do coche, senón afastarse e embarcar unha viaxe surrealista a través do bosque para atoparse a si mesmo.

Unha proxección de curtas na Aula de Cabo Udra
Unha proxección de curtas na Aula de Cabo Udra

Ruta guiada polo Sendeiro do Litoral II

Ademais desta actividade, as persoas que o desexen poderán unirse á ruta de sendeirismo guiada que sairá o sábado ás 9.30 horas, desde a praia de Portomaior ata o Sendeiro do Litoral II, e para o que non se precisa inscrición previa. Nesta camiñada de dous quilómetris abordarase a riqueza das rías e as ánforas romanas de Pescadoira, ademais de realizar unha visita ao porto para recoñecer as embarcacións tradicionais e contemporáneas e remate na Praza de Abastos. O obxectivo é unir o coñecemento da natureza coa cultura e tradición.