Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza as xornadas ‘Ghallufadas’ coas que promoverá o galego nos xogos

  • A Praza Massó encherase de xogos de mesa e de rol e de charlas na fin de semana do 22 e 23 de abril
  • O evento pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor de empresas locais

O Concello de Bueu organiza, a través das áreas de cultura e normalización lingüística, unhas xornadas para promover a lingua galega nos xogos de cartas e de rol, e que terán lugar na fin de semana do 22 e 23 de abril na carpa da céntrica Praza Massó. O evento pretende chegar á mocidade e fomentar o intercambio xeracional, ademais de ser un escaparate para o ocio en galego e a posta en valor das empresas locais, comarcais e galegas dun sector que vive un gran auxe. Xosé Leal, concelleiro de cultura, salienta que “con estes proxectos pretendemos seguir demostrando que a lingua galega non ten barreiras e que pode e debe estar en todas as facetas da nosa vida”.

Durante esa fin de semana a carpa permanecerá aberta dende as 11 ás 21 horas e nela haberá propostas de torneos de Warhammer, Kill Team, Rabbitz and Robots, Magic: Pioneer, Spanta, Magic: Duel Commander, Magic: Oathbreaker e Ti non es de aquí?, algúns deles en modalidade para persoas adultas e júnior.

Unha das novidades desta primeira edición de Ghallufadas será a creación dun xogo de rol baseado no libro “Travesía por tres momentos da historia de Bueu”, unha idea coa que as persoas xogadoras aprenderán sobre a historia da vila bueuesa tomando como eixes tres grandes temáticas e etapas: a salgadura, o Bueu Romano e Ermelo. Neste sentido, o concelleiro de cultura, apunta que “é unha proposta coa que continuamos a potenciar o noso patrimonio natural e histórico para que a veciñanza coñeza as nosas orixes mentres goza dun anaco agradable, e que poderemos empregar tamén noutros eventos da tempada estival como as festas nas parroquias”.

Ademais dos xogos, ao longo da fin de semana desenvolveranse charlas con persoas do sector que falarán de proxectos e experiencias exitosas. Tal é o caso de Corvus Belli, empresa local cuxa conferencia se titulará “Publicar xogos por mecenazgo”. Tamén participarán Ozocogz coa charla “Como é editar xogos en galego”, e a ilustradora canguesa Lorena Gestido sobre “Creación e deseño de xogos de mesa”. Ademais, tanto o sábado como o domingo haberá unha zona libre de xogos de mesa para as persoas que se acheguen a este evento.

O Concello de Bueu insire este proxecto dentro do programa de normalización lingüística “Bueu e a fala”, a través do cal se implementan estratexias para potenciar a lingua galega en diversos sectores e accións. De feito, o programa arrincou no 2020 con actividades de promoción do audiovisual galego e continuou o pasado ano con charlas e obradoiros en redes sociais e videoxogos, e tamén se puxo en marcha o 1º Certame Mergullándonos no Tiktok. Para levar adiante o proxecto de Ghallufadas, o Concello xa solicitou unha subvención á Deputación Provincial de Pontevedra, e contarase coas empresas colaboradoras Tempus Ludit, Ouril Games, Percalanda e Gáidil.

A programación irase publicando nos próximos días a través do Instagram co nome do proxecto que se vén de poñer en marcha.