O Concello de Bueu izou a Bandeira Azul na praia da Banda do Río e vive «un día histórico»
- O Concello de Bueu xa contará dende esta semana co servizo de socorrismo nos cinco areais de Bandeira Azul: Banda do Río, Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon
- O alcalde destaca que “o acto de hoxe supón un antes e un despois e lévanos a botar a vista atrás para ver todo o traballo feito a prol da recuperación deste areal urbano”
“Hoxe é un día histórico e moi emocionante para o Concello de Bueu, pois izamos por primeira vez a Bandeira Azul na praia da Banda do Río, o que supón un antes e un despois e que nos leva a botar a vista atrás para refrendar o valor incalculable que ten que o que fora un lunar negro antes do 2007, pouco a pouco fósemos capaces de recuperalo”. Desta forma interviu Félix Juncal, alcalde de Bueu, no acto de izado da Bandeira Azul que esta tempada estival se estrea no areal da Banda do Río e que se suma aos de Lapamán, Portomaior, Lagos e Area de Bon.
Debido ao simbolismo, o Concello de Bueu quixo organizar o acto neste areal urbano, que “é un referente desta vila mariñeira, e que se sitúa nunha contorna que forma parte do noso ser colectivo, pois aí está tamén o Estaleiro de Purro, e contamos con moita hostalaría, que contribúen a xerar un clima nd que podemos gozar tanto a veciñanza como as persoas visitantes”. O rexedor lembra que “isto tamén supón un tributo a todas as persoas do barrio que nos trasladaron ao longo destes anos a necesidade que tiñamos de recuperar este areal, por tratarse dun motor importante a nivel social, cultural e económico”. Así, iso foi posible grazas a un traballo planificado, pero non exento de dificultades, no que houbo que investigar e corrixir moitos verquidos de augas residuais, situación que se mellorou ano tras ano e que permitiu que na pasada tempada este areal se incluíse xa no censo oficial das praias por parte da Consellería de Sanidade debido á calidade excelente da súa auga, e tamén se implementou o servizo de socorrismo Estas dúas iniciativas, e outras moitas, permitiron completar o camiño ata a Bandeira Azul que se izou este xoves, nun acto no que o alcalde estivo acompañado de Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, e algúns dos socorristas que dende hoxe estarán xa encargándose da vixilancia das praias.
O Concello de Bueu leva xa uns meses traballando na xestión de todos os servizos das praias, “un labor moi intenso que cada ano vémonos obrigados a comezar antes e para o que temos que levar a cabo unha programación moi coidada e acorde aos propios recursos municipais”. Tanto o rexedor como a edil de turismo lembran que de cara a esta tempada, o consistorio arranxou algunhas pasarelas de acceso ás praias e renovou outras, instalou baños químicos, duchas, reforzou o servizo de recollida de lixo, e mellorou os accesos a algúns areais, como é o caso de Tuia no que, por certo, se investiron preto de 50.000 euros.
Dende o goberno lembran que “no 2007, o grupo do Partido Popular perdera as Bandeiras Azuis, e tivemos que traballar para conseguilas de novo e mesmo amplialas”. Este distintivo supón “un desafío para o Concello, pois temos que ter en conta que temos un orzamento de preto de sete millóns e que dende o 2005 non subimos os impostos nin as taxas municipais, e aínda así somos capaces, con xestión e planificación, de ofrecer servizos para que a cidadanía poida gozar dos areais e dos recursos medioambientais da nosa vila nas mellores condicións”.
O Concello de Bueu mantén este ano, ademais das praias, os distintivos azuis de ADEAC na Aula da Natureza de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e o Sendeiro de Udra.