Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu renova as farolas e as luminarias da contorna do Centro Sociocultural de Cela

O Concello de Bueu continúa cos traballos de mellora da iluminación en diversas zonas da vila. Esta semana comezou a substitución de varias columnas e de puntos de luz na contorna do Centro Sociocultural de Cela. Segundo destacou Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, “xa hai uns meses que tiñamos previsto cambialas, porque as existentes atopábanse en moi mal estado, e as novas son máis modernas e dun acabado acorde aos tempos, ademais de que se van substituír os puntos por outros de tipo LED”.

Tal e como se puido comprobar ao longo destes anos en diversos lugares das tres parroquias, as luminarias LED permiten reducir o consumo eléctrico, ofrecen unha tecnoloxía máis fiable en canto á conservación e mantemento e minimizan considerablemente a contaminación lumínica. Precisamente, a substitución de luminarias por outras máis respectuosas coa contorna é unha das liñas básicas do goberno local para evitar a contaminación e dar cumprimento ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, instrumento aprobado o pasado ano co obxectivo de organizar as accións a implementar dende o local para actuar no global.